PolíticaÚltima hora

O PsdeG-PSOE de Ourense aposta pola “creación dunha empresa municipal de vivenda e a recuperación de zonas degradadas”

O candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, presentou as medidas estrela do seu programa electoral

O candidato do PSdeG-PSOE de Ourense, Paco Rodríguez, na presentación das ideas estrela do seu programa.

 

Na mañá deste mércores 12 de abril, o PSdeG-PSOE de Ourense presentaba ante os medios de comunicación, as ideas estrela do programa electoral co que desexa acadar a confianza dos cidadáns nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Programa que foi dirixido pola comisión executiva municipal e ideado e redactado logo de incorporar aportacións da militancia e de diferentes colectivos e sensibilidades sociais.

Natalia González, actual secretaria xeral e voceira municipal do partido, destacou que foi un “traballo intenso” realizado nos últimos meses. “Contamos con moitos colectivos veciñais, sociais e culturais da cidade e é ambicioso, renovado e para gobernar o Ourense do futuro”, puntualizou e engadiu que o programa estará a disposición de quen queira consultalo nos vindeiros días por medios electrónicos.

O candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, sinalou que o resultado é “realista, responsable e moi ambicioso tendo en conta o potencial desaproveitado da cidade co último goberno”. Con este programa “comprometémonos coa cidadanía dicindo quen somos, que queremos e a onde pretendemos chegar, explicando a nosa folla de ruta para os próximos catro anos”, afirmou.

No eido das medidas, subliñou que a vivenda é un dos dereitos constitucionais polos que máis traballará o PSdeG-PSOE, se goberna a partires das vindeiras eleccións, porque a Administración local non se pode poñer de perfil nesta problemática. “Queremos promover un marco de colaboración cos operadores públicos e privados para desenvolver unha política de vivenda protexida e a creación dunha empresa municipal de vivenda. O noso casco histórico ofrece moitas posibilidades para a súa rexeneración servindo, a vez, para vivendas para a xente moza. Pero tamén outros barrios como Mariñamansa ou A Ponte se atopan na mesma tesitura”, expuxo o candidato.

Sobre esta última zona, lembrou que un dos obxectivos é recuperar o acordo de 2011 con Adif para executar, nuns prazos razoables, o proxecto de 800 vivendas que se prevían na contorna da estación. Así mesmo, destacou a intención de elaborar un novo plan de integración urbana da Alta Velocidade para que a intermodal sexa “motivo de orgullo para tódolos ourensáns”.

Entre as iniciativas do programa atópanse algunhas de rápida aplicación e outras que abranguen un horizonte máis amplo, como que Ourense chegue a ser Capital Europea da Cultura 2031 co plan “Auria 2031, cultura e auga” e a construción dun padroado para conseguilo. No ámbito cultural inclúese un proxecto de recuperación de espazos degradados -da zona vella e dos demais barrios- a través da arte urbana, apostando polo talento e creatividade local.

 

Artigos relacionados

Back to top button