PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Ourense pide “medidas para recuperar medioambientalmente as instalacións da Estación de Manzaneda”

Membros do grupo provincial do PSdeG-PSOE na súa visita a Estación de Montaña o 30 de decembro./ Cedida.

 

O grupo provincial do partido socialista visitaba antes de rematar o 2021 a Estación de Montaña de Manzaneda e aseguraba que o proxecto de innivación artificial rematado hai 3 anos (e no que se investiron máis de 5 millóns de euros para a instalación de 29 canóns innivadores e a construción de dúas balsas con capacidade para 13.000 m3 e 25.000 m3 de auga) “non cumpre coa declaración de impacto ambiental”.

Os socialistas reclaman á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia, “como accionistas maioritarios de Meisa, que tomen as medidas oportuna para que este espazo sexa recuperado segundo a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia”.

En dito proxecto marcábanse entre outras pautas, unhas recuperacións medioambientais, que tal e como apuntan os socialistas “tres anos despois están sen facer”. Segundo os deputados provinciais do PSdeG, “no informe emitido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia considerábase viable a execución da obra de innivación sempre que nos movementos de terras, se preservase o horizonte orgánico superficial para a recuperación das zonas de desmonte e terraplén e que as zonas fosen revexetadas con materiais de preprodución propios da mesma procedencia local.O PSdeG-PSOE de Ourense comprobou sobre o terreo que tanto as zonas perimetrais das balsas, como unha zona de aproximadamente unha hectárea, entre a pista denominada Paso Perdices e as pistas de Fontefría e Xabarín, atópase totalmente descuberta, coa súa superficie en forma do árido extraídos dos movementos de terras das obras, sen manto de terra vexetal e sen vexetaciónalgunha, nun avanzado proceso de erosión. Ademais depositouse un importante volume de rochas de gran tamaño no espazo situadoentre a zona de pistas do Pluviómetro e a pista do Regato, supoñendo un perigo engadido para os esquiadores que circulen por esa zona”.

Por outra banda, os socialistas tamén aseguran que se “incumpre a protección fronte o cambio climático, xa que segundo o promotor da obra, para compensar as emisións previstas pola implantación do proxecto e a afección a zona arborada, debía levarse a cabo unha plantación de árbores no entorno da estación de montaña. Deberían terse plantado 2 árbores por cada unha que se eliminou e nalgún punto do proxecto falábase de 1.000 árbores que non sabemos se están plantadas ou non, xa que preguntamos no último pleno ao presidente da Deputación de Ourense, pero non obtivemos resposta”.

Para o deputado provincial socialista pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso, ao tratarse dunha obra na que os promotores principais son organismos públicos, neste caso a Deputación e a Xunta, “deben cumprirse as pautas marcadas a nivel ambiental, algo que como vimos de comprobar non se cumpriu, entre outras cousas, porque esta recuperación non se levou a cabo”. Ademais pide que se tomen as “medidas oportunas” para que a recuperación medio ambiental se leve a cabo “coa maior urxencia posible”.

Dende o grupo provincial socialista tamén aproveitaron para esixirlle á Deputación de Ourense que volva a integrar aos concellos de A Pobra de Trives e Manzaneda no Consello de Administración de Meisa, xa que consideran que os rexedores destes dous concellos, nos que se asentan as instalacións da estación de montaña, “son os primeiros interesados en que a estación funcione”.

Artigos relacionados

Back to top button