Os resultados das eleccións do 26M dan unha nova e ampla maioría absoluta ao partido socialista no Barco. A candidatura liderada por Alfredo García acadaba dez concelleiros, ao lograr o 54% dos votos emitidos, mantendo así a cifra de representantes dos pasados comicios, e mesmo cun lixeiro incremento porcentual, tal e como se valoraba positivamente dende o partido.
Por outra banda, o PP lograba cinco concelleiros, un menos que no 2015, mentres Riada Cidadá mantén un edil na Corporación e o BNG volve contar con representación nela. Así os nacionalista conseguen un concelleiro tras unha lexislatura fóra do Concello.
“Estamos moi contentos co apoio recibido e comprometémonos a traballar durante os vindeiros catro anos e a facer do Barco un Concello para as persoas”, aseguraba o candidato do BNG, Suso Vilasánchez, quen ademais felicitaba aos demais partidos e valoraba favorablemente que as catro forzas políticas que se presentaban aos comicios obteñan representación.
Fotos: A.R.