PolíticaÚltima hora

O PSdeG PSOE presenta as candidaturas na comarca de Verín co obxectivo de “mellorar os resultados electorais na bisbarra”

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar as súas candidaturas na comarca de Verín para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023, nun gran acto celebrado en Verín. Os alcaldes de Verín e Castrelo do Val e os candidatos e candidatas ás alcaldías de A Mezquita, Laza, Vilardevós, Oímbra e Riós participaron neste encontro no que estiveron arroupados polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e por outros cargos institucionais do partido, así como por numerosos militantes chegados de toda a comarca.

O “poder municipal socialista” representa “o avance e o progreso que a provincia de Ourense tanto precisa e que xa vemos en concellos como Verín ou Castrelo do Val, exemplos do bo facer que debe estenderse ao resto de municipios da bisbarra”, afirmaron dende o PSOE, a vez que tamén apuntan que é “por iso que en maio temos a oportunidade de facer cambiar a realidade nesta provincia que está en mans dun baltarismo rancio e caciquil”.

Dende o PSdeG-PSOE destacan que o obxectivo é “mellorar os resultados electorais na comarca e ampliar o número de alcaldías actuais”. Os e as socialistas tamén apuntaron que a comarca “precisa de gobernos socialistas que miren polas persoas e que aposten por políticas efectivas para rematar coa crise demográfica e que reforcen os servizos sociais”. Puxeron o foco no hospital comarcal de Verín e na loita da cidadanía para evitar o peche do paridoiro e sinalaron que este “é o exemplo das políticas de desmantelamento, recortes e precarización que o PP está a levar a cabo na nosa provincia”.

 

 

Repiten como candidatos os actuais alcaldes de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e Castrelo do Val, Vicente Gómez García, tamén volven a presentarse os actuais voceiros de Riós, Daniel Caneiro Villarino, e de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein. Os socialistas presentan novos candidatos en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, e na Mezquita, Guillermo Tomás Vizcaíno. En vindeiras datas anunciaranse os candidatos para os municipios de Oímbra, A Gudiña, Cualedro e Monterrei.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, aproveitou a súa intervención para afirmar que as cifras indican que o socialismo vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas de Verín. “Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Verín e os seus concellos”, asegurou Villarino.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apuntou durante a súa intervención que “non vamos a admitir mais que o caciquismo siga imperando na provincia de Ourensee chamou a pelexar pola liberdade, pola igualdade e os dereitos que teñen os cidadáns viva onde vivan e voten a quen voten, porque non é de recibo que un concello de 2.000 habitantes de Ourense acade o 5% do que ten un concello de 2.000 habitantes da Coruña ou Pontevedra.

Artigos relacionados

Back to top button