PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE presenta iniciativas no Concello, na Deputación e no Parlamento, contra o traslado do COC de Iberdrola na Rúa

Os socialistas impulsan unha declaración institucional que "propón trasladar a Iberdrola a oposición ao peche e pide reconsiderar a decisión; amosa o amparo e solidariedade cos afectados; e reclama instar a Xunta e Goberno central a adoptar accións co fin de que a empresa rectifique"

 

Un día despois da concentración diante das oficinas convocada pola CIG, no mediodía deste xoves 25 de febreiro o PSdeG-PSOE daba unha rolda de prensa na Rúa para dar conta das iniciativas levadas a cabo “xa dende hai dous anos pero de xeito excepcional nestes días” contra o traslado do COC de Iberdrola, tanto no Concello como na Deputación e na Xunta”. Así o presentaba o voceiro municipal na Rúa, Luis Fernández Gudiña, asegurando que o traslado do centro supón unha perda importante para o concello.

Fernández Gudiña asegurou que xa se manifestaran no ano 2019 “cando xurdiu a idea”, e que botan en falta iniciativas por parte do actual equipo de Goberno municipal. “Posto que dende o Concello non se fixo nada, dende o PSOE presentamos unha moción, que se debaterá no vindeiro pleno, esixindo a continuidade do centro na Rúa e rexeitando o traslado a Salamanca”.

 

O deputado provincial Aurentino Alonso.

 

Na rolda tamén estaba o deputado provincial, Aurentino Alonso, para explicar que os socialistas veñen de impulsar unha declaración institucional da Deputación de Ourense en contra do peche do Centro de Operación de Conca (COC). Un texto que propón “trasladar a Iberdrola a oposición ao peche” e pide “reconsiderar a decisión”. Tamén amosa o amparo e solidariedade cos afectados; e “reclama instar e apoiar a Xunta e Goberno central para adoptar accións co fin de que a empresa rectifique e o COC permaneza aquí”.

A nivel parlamentario, foi Marina Ortega a encargada de explicar a iniciativa levada a cabo polos tres deputados socialistas ourensáns (Carme Rodríguez Dacosta, Juan Carlos Francisco e ela mesma), porque “cremos que é de lei que as familias afectadas queden aquí”. Ortega explicou que o COC da Rúa “é o máis antigo de Galicia e conta con técnicos que teñen unha cualificación moi alta e consideramos que o Partido Popular ten que ter un compromiso con esta comarca e loitar polos postos de traballo. Demostrar hoxe máis que nunca, que van loitar polo emprego de calidade no propio territorio, sobre todo despois de aprobar a Lei de Impulso Demográfico”.

 

A representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega.

 

O último en intervir na rolda de prensa era o senador Miguel Bautista, quen se remontou ao 11 de abril de 2019, momento no que Iberdrola tomaba a decisión de trasladar o COC a Salamanca. “Isto é algo premeditado”, dixo, asegurando que “a sede de Iberdrola na Rúa é alugada o que demostra que sempre tivo a invención de marchar”. Amosou a “foto da vergonza” (o abrazo entre o presidente da Xunta, Feijóo e o presidente e conselleiro delegado de Iberdrola, Galán) e denunciou esta “política de desmantelamento”. Falando case máis como valdeorrés que como senador, concluíu dicindo que “nós roemos nos osos e outros comen a carne”.

 

O senador Miguel Bautista amosando a foto de Feijóo con Galán.

 

Dende o Concello da Rúa, o alcalde popular, Álvaro Fernández asegura que non quere que trasladen o COC e fixo xestións ao respecto en decembro e xaneiro a nivel interno para ver a posible solución “pero trátase dun feito irreversible, porque é un centralización a nivel nacional, por eficiencia e operatividade entendo que en base aos criterios da empresa, que serán acertados ou non pero están no seu dereito. O que tampouco se pode é alarmar á sociedade dicindo que vai pechar a oficina porque non é certo”. De calquera xeito o rexedor ten claro que estsa mobilizacións “veñen tarde porque esta decisión xa está tomada dende hai dous anos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button