Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE presenta os candidatos ás alcaldías de Valdeorras

A novidade chega en Carballeda de Valdeorras, onde o candidato será Cesáreo Ramos, mentres quedan pendentes os cabezas de lista do Bolo e Larouco

 

Nunha cea o PSdeG-PSOE de Ourense presentaba esta noite as súas candidaturas nos concellos de Valdeorras para as vindeiras eleccións municipais de maio nun acto celebrado no Complexo Hostaleiro Paladium (Vilamartín). Neste encontro os cabezas de lista estaban acompañados polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, así como por deputados e outros cargos do partido e militantes socialistas chegados de diversos puntos da provincia. Entre os asistentes estaba así mesmo o ex secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

O primeiro en intervir o concelleiro barquense e deputado provincial Aurentino Alonso que daba á benvida aos presentes e destacaba que o PSdeG “é un partido de goberno e que ten demostrado a súa competencia para gobernar e sempre loitando contra as adversidades”. Despois cedíalle á palabra ao alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, que repetirá como candidato á fronte da lista socialista en maio. “Despois de pensalo moito decidín presentarme por outros catro anos máis porque penso que é unha oportunidade de seguir facendo cousas polo Concello, agora que xa pagamos a débeda que existía cando entrei”. Tamén resaltaba a importancia de impulsar proxectos como a reforma do Bañadoiro, “que vai ser un referente provincial, e ademais imos empezar coa praza. O noso concello está sendo un referente e estamos poñendo en valor o noso rural”, ademais insistía na súa aposta por “poñer a Vilamartín no mapa provincial”.

 

O alcalde Vilamartín e candidato á reelección, Enrique Álvarez, xunto ao deputado provincial Aurentino Alonso.

 

A continuación a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta aludía ás “cualidades e virtudes do municipalismo”, apuntando que estas eleccións municipais supoñen un novo paso para “o partido cada vez esta máis forte na provincia”.

A partir de aí o rexedor de Vilamartín íalle dando paso aos diferentes candidatos ás alcaldías da comarca, comezando polo que se estrea nestas elección, Cesáreo Ramos Gómez, quen sinalaba que se presenta “co ánimo de mellorar todo o que hai que mellorar en Carballeda, que é moito”.

Pola súa banda, a cabeza de lista por Rubiá, Raquel Méndez, referíase os momentos difíciles que vivía este municipio por situacións como a pandemia, os lumes do pasado verán e tamén, emocionada, á perda do seu compañeiro concelleiro Pepe. “En Rubiá necesitamos un cambio urxente, temos un concello que tende a desaparecer, e tres 7 meses despois dos lumes vemos que non hai iniciativas dende as administracións”.

O seguinte en tomar a palabra era o candidato socialista pola Rúa, que novamente é Luis Fernández, quen agradeceu á agrupación local ruesa “que confiaran en min para encabezar a lista” e resaltaba que “conto cun gran equipo”. Tamén criticaba a falta de conexión do Concello da Rúa cos cidadáns e comentaba que “se están deteriorando servizos que tiñamos como emblema porque non se cobren as vacantes das xubilacións”, por iso, continuaba, “hai que articular unha alternativa da Rúa”. E nese senso, aseguraba que a candidatura socialista chega con “forza, ilusión, xente e programa”.

Por segunda vez concorrerá ás eleccións locais a actual alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, que amosaba o seu agradecemento aos seus compañeiros e, de xeito especial, ao seu irmán e fillas. E que remataba o seu discurso citando unha frase que escoitaba na presentación de candidaturas de hai catro anos: “A única condición para ser alcalde ou alcaldesa é desexar selo. Pois eu desexo seguir sendo a alcaldesa de Petín”, indicaba, asegurando tamén a importancia de traballar nestas eleccións, “non nos podemos durmir”.

O acto contaba tamén coa presenza do candidato socialista da Veiga, Fernando Fernández Yáñez, sendo o último cabeza de lista en intervir o actual alcalde do Barco, que volver repetir á fronte da lista neste municipio. “Preséntome porque quero ao meu pobo e porque sóbranme ganas para seguir planificando e para permanecer en política. Teño ideas e queremos afrontar nestes próximos 4 anos a segunda transformación do Barco”. García aludía así mesmo á importancia de “traballar e mobilizar aos veciños, o seu futuro é co partido socialista”.

 

Alfredo García, candidato á alcaldía do Barco.

 

O obxectivo que se marcan dende o PSdeG-PSOE é o de mellorar os resultados electorais, ademais aspiran a “ampliar” o número de alcaldías actuais. Os socialistas dan deste xeito o pistoletazo de saída da precampaña electoral na comarca de Valdeorras no que destacaron a necesidade de apostar pola “política útil” do PSdeG-PSOE para mellorar a calidade de vida da veciñanza. Os socialistas seguen traballando na elaboración das listas e nas candidaturas de Larouco, O Bolo e Viana do Bolo que se darán a coñecer en próximas semanas.

 

O secretario provincial do partido socialista, Rafael R. Villarino.

 

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, que pechaba o acto, aseguraba que as cifras indican que “o socialismo vai camiño de consolidarse como a forza maioritaria na provincia de Ourense, co impulso de candidaturas sólidas, fortes e gañadoras coma as que encabezan os alcaldes, alcaldesas e candidatos e candidatas de Valdeorras. Da man do PSdeG-PSOE hai futuro para Ourense, e hai futuro para a bisbarra de Valdeorras e os seus concellos”, dicía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button