PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE tras a renuncia de Baltar: “Esta decisión unicamente é unha retirada a medias”

As reaccións políticas tras a renuncia de Manuel Baltar a formar parte da nova Corporación provincial. O PSdeG-PSOE vén de emitir un comunicado no que destaca que a súa renuncia a ser candidato á presidencia da Deputación Provincial para o mandato 2023-2027, é froito dunha “labor de minuciosa fiscalización e prolixa denuncia da grave e extensa trama corrupta que o Partido Popular de Ourense mantén na provincia”.

Para o PSdeG-PSOE a decisión anunciada hoxe “unicamente é unha retirada a medias” que “de non ser completa, o que implica a saída do Partido Popular da presidencia da institución, non permitiría devolver a democracia plena á provincia”. Os socialistas aseveran que “non van admitir cambios de cromos” no que definen como un “intento á desesperada do PP de Ourense e do baltarismo para manter a deputación e parte do seu poder territorial dentro das evidentes trifulcas internas dos populares”.

Desde o PSdeG-PSOE rematan reclamando a Baltar que, unha vez comunicada publicamente a súa marcha, “seguramente cara algún posto de consolación, se absteña de realizar calquera cambio de calado, adxudicación, licitación ou concesión de diñeiro público nas semanas que restan, ata a constitución da próxima corporación da Deputación”.

Artigos relacionados

Back to top button