Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

O Quiroga Trail Challenge, un éxito de participación

Publicidade

 

Intensa fin de semana deportiva en Quiroga, onde 1.335 persoas participaban no Quiroga Trail Challenge, organizado pola área de Deportes do Concello de Quiroga e o Club de Montaña Montouto, nun dos circuítos de trails máis esixentes e espectaculares do noroeste peninsular.

Este evento percorría as terras do Xeoparque Montañas do Courel e incluía dous tipos de probas: o Trail do Castelo, o sábado, e o Trail do Lor, o domingo. Cada unha delas tiña diferentes distancias. No caso do trail do Castelo: minitrail, cun percorrido duns 17 quilómetros; trail, de 25; maratón, 42 quilómetros, e ultra, de 69. Ademais había unha andaina de 17 km igual que o minitrail. No caso do Lor, só hai minitrail de 15 km e trail de 27 km.

O vencedor do Trail do Castelo era Fernando Arca (CDM Xesteiras), seguido de Rubén González e José Manuel Gil (AC Castelos Trail Club); mentres que no Trail do Lor o ganador da proba era José Manuel Gil, sendo o segundo clasificado Fernando Cancelo (Sociedad de Montaña Ártabros) e o terceiro Francisco José González (Marathon Running Shop).

“O gran número de participantes nesta proba deportiva fixo que durante esta fin de semana todas as prazas de aloxamento de Quiroga estean cubertas. Mesmo se reservaron prazas en establecementos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e incluso a Rúa e Monforte de Lemos”, tal e como se sinala dende o Concello de Quiroga.

Así  mesmo o Concello amosa o seu agradecemento ás persoas que colaboraron para facer posible este evento como os voluntarios, Protección Civil, Policía municipal, GES e Garda Civil.

Fotos cedidas polo Concello de Quiroga.

 

Artigos relacionados

Back to top button