OurenseÚltima hora

O Rally de Ourense xa ten aprobado o dispositivo de seguridade

O Subdelegado do Goberno, Roberto Castro, presidiu unha xuntanza coa organización do evento e as Forzas de Seguridade
Na xuntanza trataron temas relativos á evacuación. // Foto: Carlos Asensio.

A Subdelegación do Goberno acolleu hoxe, 2 de xuño, unha xuntanza técnica en materia de seguridade, presidida polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro, previa á celebración da quincuaxésimo edición do Rallye de Ourense, que se desenvolverá os vindeiros días 9 e 10 de xuño.

Na xuntanza informouse á Escudaría Ourense -organizadora da competición- das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración da competición , comunican dende a Subdelegación. Lembráronlle, neste senso, que é a escudería a responsable de deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade que perfile os medios sanitarios dispoñibles, o itinerario de evacuación para cada tramo e os lugares prohibidos aos espectadores, entre outros aspectos.

Roberto Castro presidiu a reunión // Foto: Carlos Asensio.

Neste encontro, analizaron tamén as medidas especiais de regulación e ordenación do tráfico que deben establecerse nos concellos polo que discorre a proba, co fin de minimizar as afectacións das estradas e de habilitar desvíos alternativos.

Para garantir o cumprimento destas normas, e con elo a seguridade tanto dos participantes na proba deportiva como dos espectadores e condutores que se despracen pola zona, a organización mobilizará a persoal técnico, que contará co apoio das forzas de seguridade e Protección Civil. Así, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, presentes nesta xuntanza, despregarán “un amplo dispositivo”, aseguran dende a Subdelegación.

En concreto, o Subsector de Tráfico da Guardia Civil auxiliará aos organizadores do rally nos labores de controlar que os tramos se pechen e abran nos horarios establecidos, evitar o paso de vehículos non autorizados aos tramos cronometrados ou informar aos condutores dos itinerarios alternativos, entre outras cuestións. “Todo co ánimo de garantir a seguridade e mobilidade da circulación que discorra polas vías afectadas pola competición, tanto en tramo de velocidade como nas vías de enlace”, dixeron.

Recomendacións a espectadores

Na xuntanza insistiron na necesidade de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse lonxe da posible traxectoria dunha saída de vía dos participantes e non situarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valados, coches, árbores ou colectores.

Asemade, recomendan tamén aos asistentes que conduzan con prudencia nos desprazamentos dun tramo a outro, que deixen libres as escapatorias, que eviten estacionar dentro dos tramos cronometrados e que non camiñen polas cunetas nin cruces de calzada durante o desenvolvemento da proba, senón que deben utilizar os camiños paralelos ou agardar ao remate da mesma.

Todas as forzas de seguridade e diferentes entidades públicas estiveron representadas. // Foto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button