EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Restaurante Efémero A Mázcara abre as súas portas no Pazo da Pena de Manzaneda

Este proxecto aposta por “aportar á comarca do Bibei unha oferta gastronómica contemporánea e de calidade”, enmarcada neste impresionante pazo do século XV durante a tempada invernal

O vindeiro febreiro Manzaneda incrementará a súa oferta en restauración. No Pazo da Pena, en Rozavales, abrirá as súas portas o Restaurante A Mázcara. Farao ademais cun concepto efémero, é dicir, comezando a súa andaina o 1 de febreiro e finalizándoa o 10 de marzo.

“Este novidoso concepto de restauración nace da unión de vontades do cociñeiro monfortino Carlos Javier González Sánchez e da dirección do Pazo da Pena por aportar á comarca do Bibei unha oferta gastronómica contemporánea e de calidade, enmarcada no espectacular pazo do século XV durante a tempada invernal”, tal e como indican os promotores da iniciativa. A Mázcara tamén será un “concepto de fin de semana, abrindo para o servizo de ceas os venres, comidas e ceas os sábados e ceas os domingos”.

González Sánchez é propietario de Merenzao Restaurante-Vinoteca (en Doade, Sober), establecemento que pecha as súas portas no inverno, o que axudou ao emprendemento deste proxecto. Ademais durante o proceso de creación deste novo espazo culinario chegaba a noticia da súa nominación a mellor cociñeiro do ano polo Forum Gastronómico, que se celebrará o 10 de marzo na Coruña.

O Pazo da Pena está funcionando como aloxamento de luxo rural en Manzaneda “cun concepto que leva ao rural o deseño e coidado nos detalles propios dos grandes hoteis, un espazo idílico para o descanso e lecer dos visitantes que semella perfecto para albergar un restaurante gastronómico como o que plantea A Mázcara”, din dende o establecemento.

A escolla de A Mázcara como nome non é casual, senón que con ela faise referencia á figura propia do Entroido de Manzaneda como un “indicativo da filosofía e valores” nos que os promotores pretenden basear este proxecto: “a exaltación da cultura da comarca a través dunha cociña elegante e coidada fundamentada nos mellores produtos locais e de tempada”, din

Fotos: Pazo da Pena.

Máis información:

Pazo da Pena-Restaurante Efémero A Mázcara
Dirección: Lugar da Pena, Rozavales, Manzaneda (Ourense)
Período de apertura: do 1 de febreiro ao 10 de marzo.
Horario do restaurante:
Venres de 20h. a 23h./ Sábados de 13h. a 16h. e de 20h. a 22:30h./ Domingos: de 13h. a 16h.
Teléfono de reservas: 988 333038

 

Artigos relacionados

Back to top button