
Natural da Rúa e membro do equipo Emico-Erbi Bembibre, Sergio Calvo Bembibre é o novo campión galego cadete contra o crono.
O título conseguíao o pasado 26 de setembro trala carreira celebrada por segundo ano consecutivo, na localidade ourensá de Baños de Molgas, organizada pola Federación Galega de Ciclismo e o Club ciclista ADO Moure, e que reunía a 234 ciclistas de 19 categorías.
Despois de superar a principios de ano unha rotura de cadeira tras ser atropelado por unha moto nunha carreira celebrada en Castela e León, Sergio vencía na súa categoría entre 50 participantes, sobre un esixente percorrido de algo máis de 11 km, que completaba nun tempo de 16’ 53’’ superando en máis de medio minuto ao segundo clasificado, Alejandro Crende (Cidade de Lugo-Mybike)) e en case 45 segundos ao terceiro Víctor Lozano (Farto CC).
A cerimonia de entrega de premios e de camisolas do último Campionato de Galicia de estrada desta tempada contou coa presenza de Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; de Carlos Moure, presidente do G.D. ADO Moure-Prol Deporte; e de José Abalo e Jacobo Ucha, técnicos da FCG.
