Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

“O rural é un sector estratéxico, básico”

Xosé Luís Rivas “Mini”, deputado do BNG no Parlamento galego, impartía unha charla “Por un medio rural vivo” no multiusos do Barco

“Son un defensor do rural e creo que no rural se pode vivir dignamente”. Xosé Luís Rivas Cruz “Mini”, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, iniciaba deste xeito a charla que impartía no Barco na tarde do 26 de xaneiro. Nela analizaba a realidade do rural galego, as súas problemáticas, pero tamén as súas potencialidades.  “Non hai un proxecto de país, é o chamado laissez faire, , deixar facer, que o mercado vaia marcando as súas pautas”, aseguraba o parlamentario nacionalista.

Tamén incidía en que “o rural é un sector estratéxico, básico porque todo país que se precie necesita ser medianamente soberano na produción de alimentos”. E para cambiar a dinámica aludía á necesidade de autoestima, de apoio á produción propia tendo en conta a riqueza galega en canto a variedades en diferentes produtos do agro, ao valor do comercio de proximidade. Falaba da importancia dun “apoio institucional” e facía unha “chamada ao capital galego para que invirta en industrias de transformación”. E mencionaba o interese de aproveitar a multifuncionalidade do monte galego, “non só como recurso forestal”.

A súa intervención era precedida pola de dous membros do BNG de Valdeorras. Así presentaba o acto Suso Vilasánchez, quen apuntaba que “a defensa dos servizos públicos é unha defensa do rural: a sanidade, a educación… Non pode ser que día a día se estea pechando o rural. Hai que loitar por el”.

De seguido, tomaba a palabra Moncho do Porto, quen compartía cos asistentes a súa experiencia como habitante dunha aldea do municipio de Rubiá e criticaba a “pouca sensibilidade das Administracións públicas” con respecto ao rural. E partir de aí detallaba diferentes problemáticas deste entorno en cuestións como os servizos, a falta de desenvolvemento tecnolóxico, “as trabas burocráticas para solicitar axudas e tamén de información”, etc… Tamén reivindicaba o valor e o papel das axencias de extensión agraria, “é necesario dotalas de xente e medios”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button