CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

O Sacauntos, nas V Xornadas Romasanta en Allariz

Celebraranse os días 30 e 31 de outubro na Fundación Vicente Risco
Cartaz das xornadas.
Cartaz das xornadas.

O “Sacauntos” e o uso do corpo humano como medicamento é a temática en torno a xirarán as quintas Xornadas Romasanta-Fantástico de Allariz, que se celebrarán os días 30 e 31 de outubro na sede da Fundación Vicente Risco. A conferencia inugural deste encontro terá lugar o día 30 de outubro ás 20:30h. e correrá a cargo de Anastasio Vera, catedrático de Historia da Ciencia da Universidade de Valladolid. Na súa intervención falará sobre “O corpo humano entendido como farmacia”. Ademais ás 22h. na praza Maior de Allariz terá lugar unha lectura de microrrelatos de terror dos participantes no certame convocado pola Libraría Aira das letras e, de seguido, farase entrega do premio do concurso.

O 31 de outubro o programa comezará ás 11h. cunha mesa redonda, seguida dun debate, na que participarán Antonio Roma Valdés, Consuelo Castro Rei e Cástor Castro Vicente. Xa pola tarde, ás 17:30h. terá lugar unha nova mesa redonda con Francisco Serrulla, e Félix Castro. De seguido, Luis Antonio Giadas, investigador e profesor de ensino secundario no IES de Ponteceso (A Coruña) impartirá a conferencia “Os boticarios como sacauntos”. Finalmente, ás 21h. proxectarase o filme “Sweeney Todd. O barbeiro demoníaco da rúa Fleet”.

Ademais, nesta quinta edición a Fundación Vicente Risco, organizadora das Xornadas Romasanta, pretende, en colaboración coa editorial Urco,”facilitar información aos escritores galegos e portugueses para que escriban unha serie de relatos curtos sobre a temática, que se publicarán no próximo mes de maio, e deste xeito contribuír ao desenvolvemento da literatura fantástica, xénero tan querido e practicado por Vicente e Antón Risco”.

Artigos relacionados

Back to top button