EconomíaEconomíaÚltima hora

O Salón de Produtos Tradicionais vai collendo forma á beira do río, no Barco

17 produtores e vendedores de Galicia e norte de Portugal participarán na mostra na fin de semana do 7 e 8 de setembro

O Barco de Valdeorras prepárase para a fin de semana de “prefesta”, previa ao Cristo, cunha serie de actividades en torno á feira que se celebrará na praia fluvial do Malecón, á beira do río.

Alí poden verse xa as carpas que acollerán o Salón de Produtos Tradicionais organizado polo Concello en colaboración co Eixo Atlántico, no que participarán 17 produtores e vendedores de toda Galicia e norte de Portugal, e que abrirá as portas o sábado día 7.

A promoción de produtos tradicionais, na súa maioría do sector da alimentación aínda que tamén haberá artesanía, é o obxectivo deste novo evento na vila barquense. O viño, o mel, aceites, conservas, doces, pan e diferentes elementos de xoiaría e decoración, formarán parte desta feira que permanecerá aberta toda a fin de semana con música, teatro de rúa e un restaurante ambulante como actividades complementarias.

O horario de apertura dos dous días será de 11 a 14 e de 18 a 22 horas e entre os participantes estarán Adega Roandi, Licores Barbudos, Valdeorras é Viño (tenda), Cooperativa Amarelante, Bicas Raigada e Caurelor.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button