Apenas un mes despois de desfrutar dun intenso programa de festas na honra a San Bartolo, A Pobra de Trives volve estar en festas, desta volta na honra ao Cristo e á Dolorosa, con actos relixiosos, lúdicos e musicais os días 13 e 14, 17 e 18 de setembro.
O programa comezaba onte pola tarde coa actuación da orquestra Tango na rúa San Martín, e como cada 14 de setembro, no mediodía de hoxe a imaxe do Santo Cristo da Misericordia percorría as rúas de Trives nun dos actos máis esperados polos devotos, no que tamén sacan a imaxe da Virxe. O apartado musical da procesión correu por conta da Banda de Música de Ramirás (que tamén dará un concerto esta tarde ás 18h. na praza do Pilón) mentres que a misa foi cantada polo Orfeón Trives.
Hoxe, o baile de tarde e verbena correrá a cargo da orquestra Pontevedra (21 horas) na rúa San Martín.
Os actos na honra á Virxe das Dores comezarán o sábado 17 de setembro. Ás 11 horas haberá pasarrúas coa charanga Fuego e pola tarde, a partir das 19 horas a diversión está asegurada cos Festicultores Troupe. Ese día o baile correrá por conta da orquestra Mar Azul que actuará na rúa San Martín a partir das 22 horas. Na medianoite tiraranse os fogos artificiais previstos inicialmente para o día 13 e aprazados debido á previsión meteorolóxica.


E xa o domingo 18, derradeiro día das festas na Pobra de Trives, haberá un pasarrúas da Banda de Músuca de Celanova (10h.); misa e procesión amenizadas polo Orfeón Trivés e a banda (12h.) que tamán dará un concerto na praza do Pilón (18:30h.); e fin de festa coa orquestra Solara na rúa San Martín (21:30h.).
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.