ConcellosO BoloÚltima hora

O Santuario das Ermitas (O Bolo) recibirá 300.000 euros para continuar coa súa restauración

Esta nova achega permitirá actuar sobre a igrexa, os soportais da Casa da Administración e as zonas de visita pública

 

O Santuario da Nosa Señora das Ermitas, no concello de O Bolo, recibirá un novo investimento por parte da Xunta de 300.000 euros para garantir o seu futuro e “blindar a súa conservación e restauración”. Así o anunciaba na mañá deste mércores 28 de xullo, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e o delgado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha visita as obras que se están executando actualmente no cabido e que están previsto que rematen o vindeiro mes de agosto.

A representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que esta nova achega permitirá actuar sobre a igrexa, os sorportais da Casa da Administración e nas zonas de visita pública elevando ata 600.000€ o investimento feito pola Administración autonómica neste inmoble ao longo da última década. “Trátase dun compromiso decidido cun dos Bens de Interese Cultural máis representativos e importantes da provincia de Ourense”, sinalou antes de engadir que nestes momentos estase redactando o proxecto da actuación.

 

A directora xeral de Patrimonio e o delegado da Xunta en Ourense na visita ás Ermitas (O Bolo).

 

Os novos traballos súmanse aos que ten actualmente en marcha a Xunta de Galicia cun investimento superior aos 80.000€ para reparar as patoloxías observadas nos distintos elementos construtivos do soportal-lonxa. Deste xeito, estanse solucionando os problemas de estanquidade existentes na cuberta de lousa ao tempo que se resolven os problemas de funcionalidade que se presentan na estrutura de madeira da cuberta e se melloran as condicións de estabilidade das columnas de granito. Así mesmo, o proxecto que rematará en agosto complétase coa eliminación dos elementos construtivos existentes nos ocos do cabido para recuperar a súa funcionalidade e imaxe, a renovación das instalacións de iluminación existentes e o acondicionamento dos paramentos interiores do cabido.

Durante a visita ao Santuario, o alcalde de O Bolo Manuel Corzo incidiu en que se trata dun elemento único á que chamou “Catedral de Valdeorras” e antigo seminario. “Moitos curas saíron del, incluído o do Barco a piques de xubilarse, Tomás Rodríguez Carbajo”, dixo Corzo, destacando que se trata dun enclave mariano, porta de entrada a Galicia do AVE na Gudiña aínda que o Concello ten moitos máis recursos que falta poñer en valor. “Empezando polo Castelo e seguindo polo Santuario e o seu Vía Crucis coas capelas únicas, con figuras case humanas, é moito e moi importante o que temos pero falta dalo a coñecer e potencialo. Por aí vai a miña demanda”, concluía.

 

Visita oficial ao Santuario das Ermitas.

 

A ese respecto, o delegado da Xunta asegurou que o mellor que pode ter O Bolo para poñer en valor estes recursos patriminias e naturais “son unhas boas infraestruturas e aí estamos nun bo momento coa chegada dos fondos Next Generation coa mellora da estrada da Gudiña á Rúa que será moi importante para comarca de Valdeorras e aí todos temos que ir da man para que o Goberno Central teña en conta esta petición”.

O representante do Santuario, pola súa banda fixo fincapé no propio edificio. “Levo aquí 25 anos e traballouse moito no entorno pero o deterioro do templo empeza a ser preocupante, tanto no exterior cun deterioro progresivo da pedra, coma no interior con estancias que necesitan embelecemento”, dixo incluíndo o apartado artístico, con carcoma nos retablos que necesitan desinfección, limpeza e restauración. “Tamén no chan de madeira a carcoma e a humidade están causando estragos”, asegurou rematando que ” dada a beleza do lugar necesítase unha intervención para frear o deterioro que está avanzando progresivamente”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button