
Dende a Consellería de Sanidade infórmase de que a actual ocupación das camas nos hospitais da provincia de críticos, “tanto de pacientes Covid (15 hospitalizados), como non Covid, así como o número de pacientes en planta -máis de 100 en toda a Área Sanitaria- susceptibles de descompensación e de requerir atención intensiva, mantén unha alta ocupación de pacientes críticos, non Covid, na unidade de recuperación postanestésica (URPA) o que aconsella limitar a actividade cirúrxica programada, para asumir con seguridade a atención cirúrxica urxente, preferente, oncolóxica e aquela incluida no decreto de garantías. Sempre dacordo co plan de continxencia fronte a pandemia”.
A actividade cirúrxica programada demorable “estase adiando, ou ben substituindo por procesos que non requiren de coidados intensivos postcirúrxicos nin estanza hospitalaria, para salvagardar a capacidade de ingreso en previsión das necesidades derivadas da actual situación e do reponte de ingresos habituais neste período do ano”, asegura a consellería.
Así mesmo, indícase que a volta a programación ordinaria dependerá da “evolución da pandemia en Ourense, que neste intre atende a máis da cuarta parte de pacientes contaxiados de Galicia, cos seus principais núcleos poblaciónais en nivel 3, con restricións de mobilidade e reunión”.
Sen embargo, o Sergas matiza que esta medida non afecta aos hospitais comarcais de Valdeorrase Verín, onde se mantén a actividade cirúrxica programada.