O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade a relación definitiva “coa orde de prelación e a puntuación obtidas polas persoas aspirantes admitidas no proceso de elaboración das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia: albanel, carpinteiro, celador, cociñeiro, costureiro, grupo auxiliar da función administrativa, lavandeiro, pasador de ferro, perruqueiro, pinche e telefonista”.
Xeráronse un total de 25.375 inscricións. So resultan excluídas do proceso o 1,02% das solicitudes de participación. A categoría con maior número de solicitudes é a de celador, con 9.848 inscricións. Sinalar que o 10,10% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.
As listas definitivas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
As listas entrarán en vigor con efectos do día 30 de abril de 2020.