CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O SilFest Valdeorras 2022 vende 300 entradas de Fila 0 para axudar aos afectados polo incendio no Barco

En torno ás 2.000 persoas pasaron polo festival ao longo dos dous días

 

Ao redor de 2.000 visitas recibía a sexta edición do SilFest Valdeorras, logrando encher o Sil de música e moito máis. O escenario non podía ser mellor, a praia fluvial do Barco de Valdeorras por onde tamén discorre o
Camiño de Inverno. Un festival a beiras do Sil cun ambiente inmellorable e con planazos asegurados.

O público vibrou con bandas como León Benavente, Corizonas, Sex Museum, Vinte e un ou Alberto & García. Non faltaron os grupos da terra como Navegando a Barlovento, De Vacas (Concerto Xacobeo 21-22) ou Macizas Centrais. E o viño da D.O. Valdeorras estivo máis presente que nunca.  Os máis enófilos non fallaron nas diferentes catas que dirixiu a catadora Mercedes González, e que se maridaron co pracer, a música e a poesía do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Os pequenos desfrutaron no Mini SilFest con xogos, e talleres, pintacaras, cinema ao aire libre e actividades de aventura. Os máis valentes subíronse aos kaiaks para gozar das augas do Sil, e os máis fachendosos elixiron a maquillaxe festivalero e o fotomatón.

 

Concerto de León Benavente.

 

Ademais, este 2022 o SilFest amosou o seu lado máis solidario recadando diñeiro para os afectados polo incendio do Barco de Valdeorras. “Vendemos 300 entradas Fila 0 (sen acceso ao festival) por un importe de 5€, e foron moitos os que doaron diñeiro in situ na nosa hucha solidaria. Todo o recadado (cantidade pendente de confirmar) será xestionado por Cruz Vermella Valdeorras”, aseguran dende a organización.

Foron dous días de SilFest Valdeorras que “nos deixaron con moi bo sabor de boca e ganas de repetir”, din dende a organización, dando as grazas a “todos os nosos paisanos que nos apoian en cada edición, aos que se cruzan España para vir vernos, aos que veñen por primeira vez e aos que son moi fan; ás empresas de Valdeorras que colaboran co festival (grazas a eles somos un pouquiño máis grandes), e a Vibra Mahou; ao Concello do Barco por darlle ás ao noso proxecto e á Denominación de Orixe Valdeorras por estar presente sempre (e por darnos viños tan bos!); á Deputación de Ourense e á Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Xacobeo 21-22”.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button