Na mañá do martes 22 de outubro o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, recibía no seu despacho á presidenta e vicepresidente da Coral De Ruada, Fátima María Malingre e José Manuel Vázquez.
Esta emblemática agrupación folclórica ourensá suma máis de 100 anos de historia, sendo un referente na defensa da cultura musical galega. Integrada polo coro, sección vocal, instrumental e grupo de teatro, a Coral de Ruada participa de xeito habitual en certames de ámbito nacional e internacional.
O subdelegado do Goberno aproveitou esta visita para felicitar á agrupación logo de recibir o Premio Otero Pedrayo pola súa ampla traxectoria e recoñeceu a gran aportación da Coral De Ruada á cultura musical da nosa provincia, levando o nome de Ourense por todo o mundo. Ademais, comprometeuse a “achegarse ao seu local de ensaio”.
Pola súa banda, os integrantes da formación trasladáronlle o seu agradecemento pola recepción e agardan que se retome a colaboración que se realizaba anteriormente coa Subdelegación do Goberno. En canto a esta petición, Eladio Santos adiantou que “agarda que se recupere de cara o mes de marzo, coincidindo cos actos conmemorativos do Día da Muller”.
Así mesmo, nesta reunión acordouse establecer unha canle de comunicación directa para que, como entidade cultural, a Coral De Ruada reciba información de convocatorias de axudas procedentes dos distintos ministerios.