49 Rallye Ourense TermalGalerías de fotosOurenseÚltima hora

O subdelegado do Goberno aborda a seguridade no rallye coa Escudería Ourense

Analizáronse as medidas especiais de regulación do tráfico nos concellos por onde pasa a proba e insistiuse na necesidade de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse en puntos seguros

O Subdelegado do Goberno, Roberto Castro, presidiu esta mañá a reunión técnica celebrada cos organizadores do 49 Rallye Ourense-Ourense Termal (49ROU), a Escudería Ourense, para abordar o plan de seguridade que se aplicará durante os vindeiros 17 e 18 de xuño durante a celebración da proba.

Na xuntanza informouse á escudería das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración do rallye. Debe deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade que contemple medios sanitarios, itinerario de evacuación para cada tramo e os lugares prohibidos para os espectadores, entre outros. Especialmente neste último punto, fíxose fincapé na importancia de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse lonxe da posible traxectoria dunha saída de vía dos vehículos ou de non ubicarse diante de lugares sólidos como muros de pedra, valados, coches, árbores ou colectores.

Tamén se abordaron as medidas especiais de regulación e ordenación de tráfico que deben establecerse nos concellos polos que discorre a proba, que nesta edición son os seguintes: A Peroxa, A Teixeira, Coles, Toén, Castrelo de Miño, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, Castro Caldelas, Parada do Sil, San Cibrao das Viñas, Ourense e Pereiro de Aguiar. E na cidade, o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, que acollerá, como vén sendo habitual, o tramo espectáculo do inicio.

A cita constitúe o evento deportivo automobilístico máis importante da comunidade galega e, por iso, concentrou tamén ao Secretario Xeral e á responsable de Protección Civil da Subdelegación, o responsable do Comite Organizador do 49ROU, o Tenente Coronel da Garda Civil, o Comisario Xefe Provincial do Corpo Nacional de Policía (CNP), o Capitán do Subsector de Tráfico, representantes da Policía Autonómica e Policía Local de Ourense, e a Concelleira de Seguridade Cidadá de Ourense.

Así mesmo, asistiron os alcaldes de A Peroxa, A Teixeira, Toén, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Maceda, San Cibrao das Viñas, o Tenente de Alcalde de Parada do Sil, a Concelleira de Protección Civil de Castrelo de Miño e o Concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Solo de Pereiro de Aguiar.

Fotos: Subdelegación do Goberno en Ourense

Artigos relacionados

Back to top button