CulturaÚltima hora

O termalismo xa conta coa súa propia guía medicinal

O “Vademecum das augas mineiro-medicinais recolle os estudos sobre augas termais de Galicia, así como as localizacións dos recursos e establecementos balnearios da comunidade
Manuel Baltar e Juan Gestal.

O termalismo xa ten o seu “vademécum”. O decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Gestal, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentaron hoxe, 6 de xuño, o “Vademécum das augas mineiro-medicinais de Galicia”, unha publicación que estará a disposición da xenta na web da Deputación de Ourense e que xunta, segundo explicou o presidente provincial, “as indicacións, procedementos e estudos sobre augas termais en Galicia, así como as localizacións dos recursos e establecementos balnearios galegos”.

Juan Gestal explicou que o Vademecum termal “é un traballo promovido e desenvolvido pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, que abrangue capítulos nos que se estudan as augas mineiro-medicinais, a súa importancia terapéutica, clasificación, mecanismos de acción, así como as técnicas de administración das augas termais e a situación actual da investigación no ámbito do termalismo en Galicia”.

O Vademecum permite coñecer os últimos avances na análise das augas mineiro-medicinais dos balnearios e empresas envasadoras de augas mineiras de Galicia, e tamén actualiza a información sobre a súa historia, a data de declaración de utilidade pública das augas, as autorizacións dos balnearios como centros sanitarios, as indicacións terapéuticas e o perfil das persoas que realizan tratamentos coas augas termais de Galicia.

Manuel Baltar lembrou na presentación o papel desempeñado polo doutor Rodríguez Míguez no termalismo contemporáneo, de quen dixo “será distinguido coa Medalla de Ouro da Provincia, a título póstumo”, e a agradeceu ao decano de Medicina “o impulso que a Universidade de Santiago e a Cátedra de Hidroloxía Médica están a dar ao noso termalismo, un pulo no que a Deputación participa co desenvolvemento do Plan “Ourense, a provincia termal”.

Baltar, quen convidou a Juan Gestal a participar no Consello Termal Ourensán, expresou que falar de auga e termalismo “é falar de Ourense, e agradezo ao decano de Medicina que elixira Ourense para presentar esta obra, un gran traballo de investigación que analiza as augas termais de Galicia e que resalta e potencia o noso termalismo”.

Gestal subliñou que hai que seguir potenciando o termalismo. “En Galicia temos unhas 300 surxencias, das cales na actualidade se explotan 21, todas están situadas no ámbito rural, coa importancia que isto ten para xerar economía e fixar poboación no rural”.

Artigos relacionados

Back to top button