En portadaÚltima hora

O Torneo de fútbol 7 ‘Valdeorras Perullo Cup’ pecha as inscricións con máis de 42 equipos

Celebrarase do 6 ao 11 de xuño no Campiño de Viloira

Xogada dun partido o ano pasado./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Como cada verán o Centro de Deportes Barco presenta dúas propostas para que os pequenos da casa teñan un espazo onde xogar, entreterse e tamén aprender. Unha son os campus de fútbol que se celebrarán entre os meses de xuño e xullo no Barco e Vilamartín (feminino); e outra o Torneo de Fútbol 7 ‘Valdeorras Perullo Cup’ que se celebrará do 6 ao 11 de xuño, coma sempre no Campiño de Viloira, superando todas as espectativas. “O prazo para anotarse debería estar aberto ata o 30 de maio pero imos pechar xa porque temos máis de 42 equipos inscritos e non temos horas para máis, é imposible”, asegura o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, destacando que serán uns 630 nenos os que se den cita no torneo, converténdose “nun dos eventos máis importante do ano senón o que máis”.

 

 

Tal como explican dende o propio CD Barco, este torneo ten como aliciente que nel non participan clubs propiamente ditos senón que os equipos están formados por amigos, xente afín co obxectivo de pasalo ben. “É como un torneo de rúa, case como unha actividade de fin de curso e o que queremos é que veñan moitos nenos e a familia e que desfruten da fin de semana”, en palabras do presidente do club, Nilo Ramos.

Normalmente viñan tendo en torno a 32-34 equipos sendo ata o momento 38 a cifra máis numerosa, superada con creces na convocatoria deste ano que como en cada edición será para as categorías Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete e Xuvenil. O torneo conta coa colaboración de Ocio y Deporte Valdeorras, da Deputación de Ourense e do Concello do Barco e coma sempre haberá premios para os catro primeiros clasificados e tamén trofeo para o mellor xogador e porteiro de cada categoría.

Con respecto ao Campus de verán, desenvolverase en tres quendas (do 26 ao 30 de xuño; do 3 ao 7 de xullo; e do 17 ao 21 de xullo) e xa están abertas as inscricións.

 

Artigos relacionados

Back to top button