DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O valdeorrés Alejo Ares, vencedor da XIV Carreira da Feira do Viño de Quiroga

Nesta proba popular, que se celebraba na tarde do Venres Santo, rendíaselle homenaxe ao atleta valdeorrés Manuel García

A intensa chuvia e o frío marcaban a XIV Carreira Popular da Feira do Viño de Quiroga, que se encetaba a partir das 16:15h deste Venres Santo coas carreiras das categorías base. A proba dos maiores daba comezo arredor das cinco da tarde, con saída e meta dende o centro da vila. Antes, rendíaselle unha homenaxe ao atleta veterano valdeorrés Manuel García Alfonso (Adas), que tamén disputaba a proba.

A partir de aí dábase a saída e os corredores afrontaban un circuíto duns 9 km. O primeiro en cruzar a liña de meta era o tamén valdeorrés Alejo Ares (Adas), cun tempo de 00:28.57. Tras cruzar a liña de meta, este atleta valoraba con satisfacción o resultado e sinalaba que esta carreira “gustoume bastante, é moi bonita, pero pasei bastante frío e iso restoulle un pouco”. Despois de Ares entraba Javier Neira (Monumental CXC) e, na terceira posición, o barquense Iván Fernández.

Na categoría sénior feminina impoñíase Begoña Domínguez (Atletismo Arenteiro), sendo a segunda e a terceira clasificadas Carla de Dios (Club Natación Pabellón Ourense) e Cristin M. Martínez, respectivamente.

Esta carreira popular, que organiza o Concello de Quiroga a través da súa Área de Deportes, constitúe o limiar deportivo da Feira do Viño de Quiroga, cuxo recinto feiral se abrirá ao público mañá 31 de marzo a partires do mediodía.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button