CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Christian Escuredo na nova montaxe do Centro Dramático Galego e Ainé

Os ensaios de "Recortes, caneos e outras formas de driblar", dirixida polo tamén ourensán Tito Asorey, veñen de iniciarse

Publicidade

 

O Centro Dramático Galego e Ainé acaban de iniciar os ensaios da súa produción “Recortes, caneos e outras formas de driblar”, coa que arranca a nova temporada 2022-2023 da unidade teatral da Xunta de Galicia. Baixo a dirección de Tito Asorey, o espectáculo ofrecerá un percorrido lúdico, crítico e musical polo mundo do fútbol, con Manuel Cortés, co valdeorrés Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido, Xosé A. Touriñán e Sergio Zearreta nas interpretacións.

A proposta escénica estase a construír a partir da investigación do xornalista Nacho Carretero sobre a cara oculta deste deporte de masas, con dramaturxia de José L. Prieto e o asesoramento do propio Carretero, e chegará aos escenarios a partir do vindeiro 29 de setembro, data da súa estrea no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

O equipo conta tamén con Sara Rey na asistencia á dirección, Vadim Yukhnevich na composición musical, José Faro Coti a cargo do espazo escénico, Laura Iturralde no deseño de iluminación e audiovisuais, Laura Baena no de vestiario e Rosa Moledo no asesoramento lingüístico.

“Recortes, caneos e outras formas de driblar” transitará entre o cómico e o dramático para recrear un de tantos partidos do século e todo o que o rodea, levando a escena xogadores, adestradores, xornalistas, directivos, seareiros e demais personaxes do espectáculo futbolístico. Trátase do primeiro dos tres títulos do plan de produción do Centro Dramático Galego para a nova temporada, na que aposta por novos e diferentes modelos de produción e distribución para chegar á maior cantidade de público posible e crear novas audiencias e sinerxías co sector.

Artigos relacionados

Back to top button