CulturaCulturaÚltima hora

O valdeorrés Gabriel Prada actuará en Quiroga o vindeiro sábado

Porá en escena, no Auditorio Municipal, o seu espectáculo de clown "Quimera"

 

Dous meses despois de que o Concello de Quiroga decidise interromper todas as actividades que supuxesen a concentración de persoas, volve organizar unha actividade aberta ao público. Será o vindeiro sábado día 19 de decembro ás 18h. no Auditorio Municipal de Quirog, co espectáculo de clown Quimera, a cargo do actor valdeorrés Gabriel Prada.

Este espectáculo dirixido a todos os públicos, é unha viaxe onírica que nos achegará, a través da fantasía, a un mundo de ilusión. Un tránsito entre o real e o imaxinario que anima ao personaxe a alcanzar eses soños ocultos que sempre tivo por inalcanzables.

Gabriel Prada comezou a súa andaina interpretativa formando parte da compañía amateur Gargallada Teatro, do Barco, realizando diferentes espectáculos. Destacou no traballo que fixo na obra A abraiante vida de Braian no papel de Braian, facendo a partires dese momento espectáculos unipersoais como A última cinta de Krapp de Samuel Beckett . Nesa época coñeceu ao actor galego Paco González (xa falecido), membro da compañía alemá Familie Floez, co que fixo un curso de formación de clown que supuxo o xerme de Quimera. Dende ese momento -no ano 2013- ata hoxe, a obra percorreu festivais internacionais e diferentes circuítos galegos.

A Quiroga chega patrocinada integramente polo Concello, sendo gratuíta para o público asistente.

Artigos relacionados

Back to top button