En portadaÚltima hora

O valdeorrés José Quiroga Suárez, nomeado Fillo Predilecto da provincia de Ourense a título póstumo

 

O salón de plenos do Pazo provincial acollía no mediodía deste venres 10 de febreiro o acto oficial de entrega do título de Fillo Predilecto da provincia de Ourense a título póstumo a José Quiroga  Suárez (Petín, 1920 – A Rúa, 2006). Este acto, iniciativa da Deputación ourensá, contaba coa asistencia de autoridades como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entre outras como o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a da alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, ou o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

Médico de profesión, que exerceu na Rúa durante 50 anos, José Quiroga foi tamén un destacado político, unha traxectoria que principiou como alcalde da vila valdeorresa entre 1953 e 1956. Foi conselleiro de Sanidade (1977-1979) e presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, período no que redactou e aprobou o Estatuto de Autonomía para Galicia. En 1977 converteuse no senador máis votado de Galicia, mantendo este cargo ata 1986.

 

 

Na súa intervención, Manuel Baltar definiu a José Quiroga como un “cidadán preocupado polo progreso e o benestar de Galicia, un partícipe da cousa pública que exerceu con total entrega e dedicación”. Quiroga Suárez desenvolveu, sinalou o presidente do goberno provincial, “con decisión as responsabilidades para as que foi escollido, sen facer da política unha mera ambición persoal, aportando a humanidade da súa vocación médica ó exercicio da acción pública. Actuou sempre así, dende o compromiso cos seus veciños de Valdeorras ata a alta responsabilidade de ser o segundo presidente do Goberno de Galicia”.

Manuel Baltar enmarcou a traxectoria de Quiroga -“un Fillo ilustre da Ourensanía”-, na liña de pensamento do compromiso galeguista representando polos ourensáns Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Castelao e o poeta Ramón Cabanillas, “que transformaría, dende Ourense, o concepto cultural e político de Galicia”.

Pola súa banda, Alfonso Rueda enxalzou a talla “física, moral e política” dunha figura que sen esquecer nunca as súas obrigas como médico e como pai de familia foi quen de emprender un camiño cheo de incertezas como foi o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía. Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos os persoeiros que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”.

O presidente do goberno galego loou tamén o carácter “construtivo e dialogante daquela xeración de políticos que, nos tempos da Transición e por riba das diferenzas, tiñan o obxectivo común de acadar unha Constitución para España e un Estatuto para Galicia”.

O seu fillo José Ramón: “O que máis aprendimos del foi a importancia da familia”

En representación da familia, o fillo do homenaxeado José Ramón Quiroga Gayoso recordou ao seu pai coma un “medico rural dedicado permanentemente á súa familia, e ocasionalmente á política”, do que “aprendimos a importancia da familia, e que a familia pode con case todo”.

Quiroga Gayoso agradeceu, en nome da súa familia, “a todos os que fixeron posible este acto, en especial ao presidente Manuel Baltar, aos alcaldes da Rúa e Petín, e ao senador Miguel Bautista -tamén presente no acto-“.

O profesor Barreiro Rivas: “Foi un home sinxelo que fixo o que cría que tiña que facer sen buscar nunca méritos”

O profesor e escritor Xosé Luís Barreiro Rivas foi o encargado da laudatio, poñendo en valor a evolución da xeración española “que mantivo a ilusión de construír un país novo, da que foi parte José Quiroga dun xeito activo durante o franquismo e nese bendito proceso que foi a Transición”.

Barreiro Rivas definiu ao homenaxeado como un home “bo e xeneroso, que lle entregou a autonomía de Galicia a unha xeración que naquel momento non o soubo valorar en toda a súa profundidade”. E puxo en valor a figura dun “home sinxelo, que fixo o que cría que tiña que facer sen buscar nunca méritos, e que nos deixou en herdanza unha autonomía aparentemente pobre pero co potencial que hoxe vemos”.

 

 

O profesor concluíu a súa laudatio lembrando a “Boris Godunov” de Aleksandr Pushkin para reivindicar, citando a obra do poeta ruso, “cambiar o mundo pero conservando as costumes, porque as costumes son a alma da nación”.

“Médico por vocación e político por devoción”

O vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández, en calidade de instrutor do expediente de honra, deu lectura as “meritorias circunstancias persoais e profesionais” que concorren en José Quiroga para a concesión do título, aspectos “determinantes para avaliar as grandes calidades que honran a este persoeiro”.

Rosendo Fernández repasou a traxectoria profesional de Quiroga Suárez, “médico por vocación e político por devoción”, comezando polo exercicio da medicina que practicou na vila de A Rúa durante 50 anos, mesmo compatibilizando esta faceta coa súa intensa vida pública. Alcalde de Petín entre 1953 e 1956, implicouse no ámbito político tralo remate do franquismo. Foi conselleiro de Sanidade (1977-1979) e presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, período no que lle tocou crear as bases da actual estrutura política da comunidade e no que se redactou e aprobou o Estatuto de Autonomía para Galicia. En 1977 converteuse no senador máis votado de Galicia, mantendo este cargo ata 1986. En marzo de 1981 foi o encargado de defender a ratificación do Estatuto galego na Cámara Alta, afirmando entón que esa ocasión “supone tan grande honor que, por sí solo, justifica una vida”.

O solista da Real Banda de Gaitas da Deputación, Marco Foxo, realizou o acompañamento musical do acto, interpretando a “Marcha do Antergo Reino de Galicia”, no comezo, “Concierto de Aranjuez”, na entrega do título de fillo predilecto da provincia, e pechando o acto coa interpretación de “Ourense no Solpor

Un político clave na historia contemporánea de Galicia

A biografía de José Quiroga é unha parte fundamental do desenvolvemento político da Galicia democrática. Nacido en 1920 nunha familia de tradición liberal-conservadora, licénciase en Medicina na Universidade de Santiago con premio extraordinario de fin de carreira e diplómase en Cardioloxía pola Universidade de Barcelona. Despois, Quiroga volta a súa terra para traballar na consulta do seu pai. Este vencello a Galicia -e máis concretamente á provincia de Ourense e a súa comarca, Valdeorras- vehiculará toda a súa traxectoria pública e profesional. Tras abrir un consultorio na Rúa, é alcalde deste municipio entre 1953 e 1956. A súa carreira política da un novo pulo coa fundación de Acción Política Orensana xunto a Eulogio Gómez Franqueira, grupo que se unirá primeiro ao Partido Popular de Pío Cabanillas e despois á UCD de Adolfo Suárez.

Coa constitución da Xunta de Galicia preautonómica, José Quiroga asume un papel capital na política galega. Foi conselleiro de Sanidade na etapa de Antonio Rosón (1977-1979), ao que relevará ao fronte do goberno galego. Presidente da Xunta de Galicia desde xuño de 1979 ata xaneiro de 1982, vive en primeira persoa a aprobación do Estatuto de Galicia e a progresiva construción da institución autonómica.

En paralelo mantivo un papel destacado en Madrid. Na lexislatura constituínte de 1977, José Quiroga convértese no senador máis votado de Galicia. Na Cámara Alta estará ata 1986. Tres lexislaturas nas que o valdeorrés realizará unha intensa actividade en materias de sanidade, dereitos humanos ou na comisión do Defensor del Pueblo.

José Quiroga militou posteriormente en Coalición Galega e Alianza Popular. E sempre mantivo aberta a súa consulta na Rúa ata a súa xubilación. Ese medio século de profesión médica axuda a completar o perfil dun home familiar, cunha potente vertente académica e que deixou un profundo recordo entre os seus veciños. Morreu en 2006, co recoñecemento colectivo de contribuír dun xeito decisivo a Galicia dende posicións moderadas, mantidas dun xeito coherente ao longo de toda a súa vida.

Artigos relacionados

Back to top button