ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O valdeorrés Roi Domínguez, distinguido nos XI Premios para Novos Artistas Auditorio de Galicia

Lograba o terceiro premio coa súa instalación “Estudo para galiñeiro”, mentres que a tamén ourensá Julia Huete e Marcos Covelo acadaron o 1º e 2º premio, respectivamente

Entre os galardoados nos Premios para Novos Artistas Auditorio de Galicia está o creador valdeorrés Roi Domínguez. Estas distincións entregábanse o pasado xoves 11 de xullo nun acto no que ademais se inauguraba a exposición que reúne os 35 traballos seleccionados de entre os 109 que se presentaron nesta edición. O 1º premio, valorado en 6.000 €, foi para “Thérèse soñando”, da ourensá Julia Huete; o 2º e dotado con 3.000 €, para Marcos Covelo, por “Respiro hierro”; e o 3º, de 2.000 €, para o “Estudo para galiñeiro, de Roi Domínguez.

 

A instalación do valdeorrés Roi Domínguez na exposición.

O acto estivo presidido pola concelleira de Cultura de Santiago, Mercedes Rosón, e nel tamén participaban o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e os membros do xurado (Anne Heyvaert, coordinadora do Mestrado en Arte Contemporánea, da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Santiago Olmo, director do CGAC, Miguel Anxo Rodríguez, profesor de historia da arte USC e Chus Busto, responsable de exposicións do Auditorio de Galicia).

“Estudo para galiñeiro” retoma a icónica obra constructivista de Vladimir Tatlin “Monumento á terceira internacional” para “reinterpretala cos procedementos e metodoloxías do rural galego, recollendo una serie de bocetos, maquetas e planos mediante os cales e dende una perspectiva irónica con continuas referencias á historia da arte e ao feísmo urbanístico, plantexa a construcción dun galiñeiro, procurando una aplicación ao proxecto de Tatlin que nunca se chegou a materializar”, explica o artista valdeorrés.

Estes premios, que agora se celebran cada dous anos, chegan á súa undécima edición. Levan 18 anos recoñecendo e apoiando o talento dos e das artistas galegos de ata 40 anos. A exposición cos traballos desta edición poderá visitarse no auditorio de Galicia ata o 13 de outubro.

Fotos cedidas por Roi Domínguez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button