EconomíaEconomíaÚltima hora

O valdeorrés Tomás Pérez Vidal, un dos tres novos conselleiros do Consello de Contas de Galicia

Tomaban posesión o 1 de febreiro nun acto celebrado no Parlamento de Galicia

Entre os tres novos conselleiros do Consello de Contas de Galicia que veñen de tomar posesión o 1 de febreiro no Parlamento de Galicia está o valdeorrés Tomás Pérez Vidal, xunto a Anxo Ramón Calvo Silvosa e José Antonio Redondo López como conselleiros do Consello de Contas de Galicia.

Os tres novos conselleiros do Consello “asumen a obriga de velar polo interese xeral con independencia da súa procedencia ou militancias pretéritas, porque por riba dunha ou doutra sigla está o interese supremo e definitivo de Galicia, e con ese obxectivo veñen de ser investidos”, tal e como indicaba no acto de posesión o presidente do Parlamento de Galicia, o ourensán Miguel Ángel Santalices Vieira.

Ademais Santalices recordou que “o conxunto das institucións, e as persoas que formamos parte delas, estamos especialmente obrigados a afianzar a recuperación da confianza social”. Trátase, a xuízo de Santalices, dunha tarefa “imprescindible, pero tamén posible, a partir do traballo individual e colectivo que, entre outras medidas, esixe un esforzo en materia de didáctica e de transparencia; sempre, como é natural, desde un exercicio honesto da xestión pública e cun escrupuloso acatamento ao marco normativo que entre todos nos temos outorgado”.

 

 

Como exemplo da necesidade dese esforzo didáctico, o presidente do Parlamento sinalou que moi poucos cidadáns coñecen que a xestión económico-financeira dos recursos públicos está sometida a unha dobre fiscalización: previa, por parte dos servizos de intervención das distintas administracións; e posterior, a través dos órganos de control externo, como o Consello de Contas ou o Tribunal de Cuentas.

Por iso, “se cadra, tamén desde o Consello de Contas, debemos esforzarnos aínda máis en dar a coñecer o seu traballo para que a cidadanía sexa consciente de que os seus impostos están a bo recaudo e se xestionan sempre con rigor e con arreglo á lei, sen atallos de ningún tipo. Como debe ser”.

Comparecencia previa

Os conselleiros do Consello de Contas que onte tomaban posesión compareceron o pasado 2 de decembro ante a Comisión 1ª, Institucional, de Administración xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, que determinou a idoneidade dos mesmos para o desempeño das novas responsabilidades, tal e como esixe a normativa reguladora do Consello de Contas.

O acto, celebrado no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia contou coa asistencia do presidente da Xunta e os membros da Mesa da Cámara, entre outras autoridades.

Artigos relacionados

Back to top button