CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O VI Festival Medieval enche de música o Castelo do Bolo

 

Ao ritmo da Real Banda de Gaitas e da Banda de Gaitas do Concello do Bolo interpretando o Himno de Ourense e unha emotiva despedida por parte do alcalde do Bolo, Manuel Corzo, remataba na tarde deste Sábado Santo, 8 de abril, o VI Festival Medieval.

 

 

Un evento que reuniu na fortaleza a un cento de músicos e que este ano rendeu homenaxe a Severino Salgado García “Ino” un dos membros máis veteranos do Folión de Buxán falecido en xaneiro, coa entrega da figura conmemorativa do festival á súa familia, “porque severino sempre estivo facendo cultura”, dixo Xose Lois Foxo, director da Real Banda e organizador do festival acompañado por Manuel Corzo.

 

 

Presentado coma sempre por Manola Porto, o programa abríase en torno ás 18:30 horas coa entrada a cabalo da Raiña Dona Urraca interpretada por Carmen Penim que daba un discurso e de seguido sucedíanse as actuacións. Empezaba a Banda de Gaitas do Bolo, e continuaban o grupo de zanfonas da Escola Provincial de Gaitas;  Vicente “El Pravianu”; Carmen Penim con Maurizio Polsinelli e tamén a Real Banda para interpretar o Romance de Dona Urraca; as Cantoras de Trives, Digna e Fiuca; Alexander Suárez; Rogelio da Aceveda con Jacinta Ferández e tamén en solitario; David Bellas; Blandina de Cotarós; Nadia Vázquez; Jacinta Fernández Alonso; e a Real Banda de Gaitas que actuaba antes da Escenificación da Égloga Operística Pastora da Serra Sola, a cargo de Carmen Penim con componentes da Real Banda e a violinista Tatina.

 

 

Antes da clausura musical, o alcalde de O Bolo despedíase do público pois foi o último festival sendo el rexedor, lembrando que “fíxeno o mellor que puden e loitei moito por este castelo ao que este evento dá tanta vida”, dixo tendo unha mención especial e tamén un agasallo para Xan Rodríguez, responsable da rehabilitación da torre medieval e que tamén levará a cabo o proxecto de reparación no tellado que precisa o edificio. “O importante é manter esta xoa arquitectónica”, dixo. Corzo tamén deu as grazas publicamente a Foxo por levar ao Bolo este festival.

 

 

Fotos e vídeo cedidos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button