CulturaCulturaÚltima hora

O vilamartinés Santiago Ferrer abrirá as VI Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense

O seu programa, que se desenvolverá do 14 ao 15 de abril no no Pazo de Marcos baixo o título “A moeda en Galicia desde a caetra ata o euro”, presentábase esta mañá

O arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A numismática centrará a VI Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os vindeiros días 14 e 15 de abril no Pazo de Marcos baixo o título “A moeda en Galicia desde a caetra ata o euro”. A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro e as persoas coordinadoras da xornada, a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, e o doutor en Historia e experto en numismática Pablo Núñez Meneses, presentaban esta mañá o programa, que aborda, desde distintas perspectivas, o contexto e a historia monetaria galega e que reúne especialistas das universidades galegas, do Museo Arqueolóxico Nacional e do Museo Nacional de Arte de Catalunya.

As xornadas permitirán trasladar a sociedade a importancia da numismática como ferramenta útil nos estudos históricos e arqueolóxicos e poñer en valor a colección do Museo Provincial de Lugo que, con máis 10.000 exemplares de moedas e medallas, é unha das de maior interese de todo o Estado.

No acto, no que tamén participaron Antonio Roma, Enrique Alcorta, María Ofelia Carnero e Encarna Lago, membros do comité científico, Maite Ferreiro lembrou que “a Vicepresidencia da Deputación de Lugo segue a traballar na adquisición do sestercio da caetra para que esta moeda única pase a formar parte da colección do Museo Provincial de Lugo e polo tanto do patrimonio público” e explicou que “as xornadas se inscriben na labor de difusión do valor do patrimonio , que cremos que deben acompañar este tipo de iniciativas”.

Aurelia Balseiro explicou que “interpretar as moedas no contexto das culturas e períodos históricos do Noroeste peninsular desde a Antigüidade ata os nosos días, contribúe visualizar que son pezas especialmente relevantes para o estudo da economía, sociedade, relixión, política, iconografía ou da arte. Polo tanto, o programa amosado non só está dirixido á comunidade científica senón tamén a todos os interesados no tema, estudantes, afeccionados, traballadores de museos, coleccionistas, docentes ou guías turísticos”

A participación na xornada require inscrición previa, a través do formulario dispoñible na web www.redemuseisticaluga.org. Para obter o diploma acreditativo, será preciso asistir ao 75% das sesións.

A primeira conferencia do programa correrá a cargo do arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra, que falará sobre “A primeira emisión monetaria na Gallaecia romana, as moedas da caetra”.

 

Presentación do programa.

 

O Programa

VENRES 14 DE ABRIL
9.30 h Acreditación asistentes

10.00 h Presentación oficial

10.15 h A primeira emisión monetaria na Gallaecia romana, as moedas da caetra
Santiago Ferrer Sierra. Arqueólogo pola USC

11.00 h A moeda sueva da Gallaecia. A gran descoñecida
Pablo Núñez Meneses. Doutor en Historia pola USC

11.45 h Pausa

12.15 h A ceca de Xuvia, breve historia e produción monetal
Anabel Bello Platas. Doutora en Historia pola USC

13:00 h Moeda e cultura na Galicia medieval
Antonio Roma Valdés. Doutor en Historia pola USC

13.45 h Debate-coloquio

16:30 h “Auri sacra fames”: o papel da moeda na sociedade europea e galega da Idade Media
Carlos Baliñas, Doutor en historia medieval e profesor da USC (Campus Lugo)

17:15 h A acuñación de 1602, o reselo de 1603 e o rexistro da moeda de billón de 1605 en Galicia
Pablo Rueda, investigador independente e membro do OMNI

18:00 h Debate-coloquio
18:30 h Mesa redonda moderada pola directora do MPL, Aurelia Balseiro, na que participa xunto cos anteriores relatores para abordar o tema: “Espazos e formas de dar a coñecer o noso patrimonio numismático. Aproveitamento didáctico e histórico”

19:30 h Visita técnica comentada á exposición “Percorrido pola colección numismática do Museo Provincial de Lugo” a cargo dos técnicos do Departamento de Arqueoloxía/ Historia: Enrique Alcorta e Mª Ofelia Carnero

SÁBADO 15 DE ABRIL

10:00 h As moedas da Gallaecia visigoda
Ruth Pliego. Doutora en Historia e membro do comité científico OMNI

10:45 h Acuñacións galegas presentes en tres tesouriños do Museo de Pontevedra: Congostra, Soutelo de Montes e Ponteareas
Erea Castro Alfonso. Conservadora de fondos numismáticos e etnográficos do Museo de Pontevedra

11:30 h Pausa

12:00 h As coleccións numismáticas do MAN e a moeda galega
Emilio Gamo Pazos. Conservador de museos. Departamento de Numismática e Medallística do Museo Arqueológico Nacional

12:45h O Gabinet Numismàtic de Catalunya do MNAC, apuntes sobre a moeda galega María Clua i Mercadal. Conservadora adjunta no Gabinet numismàtic de Catalunya del Museu Nacional d’Art de Catalunya

13:30 h Debate-coloquio

14:00 h Mesa redonda moderada pola directora do MPL, Aurelia Balseiro, na que participa cos anteriores relatores sobre “A divulgación do coñecemento da numismática nas institucións museísticas e o seu papel na posta en valor desta disciplina”

16.30 h Visita técnica explicativa á colección estable de numismática e medallística exposta no MPL (planta 1.ª sección de Prehistoria e Arqueoloxía) a cargo dos técnicos do Departamento de Arqueoloxía/Historia: Enrique Alcorta e Mª Ofelia Carnero

17:30 h Visita técnica comentada, á I Exposición numismática de Galicia a cargo dos seus comisarios: Pablo Núñez e Antonio Roma

19:00 h Remate e Clausura no Museo Provincial de Lugo

Artigos relacionados

Back to top button