A terceira sesión do ciclo “Cata a Arte” chegaba da man de Bodegas Loeda. A degustación e presentación do seu viño branco elaborado con Treixadura, Catro Parroquias 2022; acompañada dunha sesión de maxia e ilusionismo do Mago Deimi tiña lugar na tarde do 16 de novembro. O evento, con aforo completo, tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel daa Deputación de Ourense, donde está exposta unha selección de obras e os premiados da XVII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para artistas menores de 35 anos.
O público desfrutaba da posta en escea do Mago Deimi, que ofreceu un espectáculo de maxia moi entretidas e variada cun estilo cómico, desenfadado e con boa música de fondo. Destaca tamén a variedade de xogos de diversas disciplinas: cartomaxia, manipulación, escapismo, levitacións, aparición, desaparicións, transformacións… Ademais, tamén tivo o seu momento o mentalista Jose Rivera, que estando entre os asistentes, saíu ao escenario a facer algunhas lecturas mentais. E todo acompañado polo viño Catro Parroquias, monovarietal elaborado con Treixadura procedente de viñedos recuperados por Bodegas Loeda, que se presenta como un viño aromático, interesante e goloso a partes iguais.
Nesta novena edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación para la Lucha contra las Enfermedades Renales (ALCER Ourense), organización de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade mellorar a calidade de vida de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais e os seus familiares; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan ao ril, así como á doazón de órganos; tamén ofrecen servizos de interese como son os de traballo social, nutrición ou psicoloxía. A asociación está composta por persoas con enfermidade renal crónica en tratamento de diálese, con trasplante de ril, familiares, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.
Viño e arte
O ciclo celebrarase durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 de novembro ata o 30 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.
O 23 de novembro será o intre para a Adega Arco da Vella, onde Benito Eladio Rodríguez presentará os seus viños Torques (branco) e Tarabelo (tinto), todo elo harmonizado cun recital poético e cancións á viña e ao viño. E para rematar esta novena edición, o broche final poñerao o 30 de novembro a Bodega Alanís, que fará unha degustación do seu viño Gran Alanís 2022 en harmonía coa actuación musical poprock do dúo ourensán Hermanos Walker.
Catro Parroquias é un viño branco elaborado con Treixadura, a variedade raíña da D.O. Ribeiro da man de Bodegas Loeda. É unha adega familiar, situada en Sampaio – Ribadavia, que comezou alá polos anos 20 ata día de hoxe, pasando sempre por diversos cambios. Actualmente o propietario é Alfredo Domínguez Rodríguez.
Damián Varela é o “Mago Deimi”
Tivo a afección da maxia dende cativo, unha paixón que lle está acompañando toda a vida e así se pode comprobar en calquera dos seus espectáculos. Formación adquirida con grandes mestres e tamén de forma autodidacta para ir co paso dos anos, adquirindo unha personalidade propia e deixando unha impronta característica nos seus espectáculos. Damián Varela leva celebrado actuacións en salas de toda España. Tamén ten realizado interesantes colaboracións en programas da Televisión de Galicia. Ademais de organizar e participar en moitos festivais de maxia, cabe destacar que entre outros premios e recoñecementos recentemente gañou o terceiro premio no concurso internacional de maxia de rúa en Tui.