EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O viño valdeorrés Sorte O Soro 2021 de Rafael Palacios alcanza os 99 puntos Parker

Oito viños da Denominación de Orixe obteñen unha puntuación igual ou superior a 96 nas catas de “The Wine Advocate” en 2023

 

A prestixiosa revista de viños estadounidense The Wine Advocate vén de desvelar as puntuacións das catas realizadas en 2023 e “entre os centos de mostras analizadas, un godello de Valdeorras foi o único viño galego que alcanzou os 99 puntos na guía, “Sorte O Soro 2021” da bodega Rafael Palacios”, tal como avanzan dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

O único crítico español desta publicación americana, Luis Gutiérrez, destacou na súa nota de cata que “encántame o carácter incisivo do Sorte O Soro 2021. Punzante e cortado a láser. Un viño frío, austero, sutil, preciso, limpo, armonioso e con sensación de vin de garde. Ten pureza, enerxía e un padal vibrante con pureza e elegancia; que me lembrou a algúns dos viños de Jean-Marc Roulot en Borgoña”.

Todas as uvas da variedade godello utilizadas para producir este viño monovarietal recóllense nunha única parcela a 710 metros de altitude no pobo de Santa Cruz (O Bolo), no val do río Bibei. Á hora de definir a Rafael Palacios, Luis Gutiérrez afirmou en The Wine Advocate que “é un dos mellores produtores de brancos de Galicia e de España. Os seus viños teñen un frescor e unha mineralidade salina que moitas veces transcende á colleita e incluso á variedade, debido á gran altitude do Bolo e aos solos arenosos graníticos descompostos”.

Imaxe cedida.

 

Oito marcas por enriba dos 96 puntos

Entre os 44 viños galegos que obtiveron unha puntuación igual ou superior a 96 nas catas da Guía Parker en 2023, “atópanse outros sete viños da Denominación de Orixe Valdeorras”, din dende o Consello Regulador. A colleita 2022 da mesma referencia de Rafael Palacios “foi un dos dous únicos que conseguiron 98 puntos”, din. Pola súa parte, “Sorte Antiga 2021” da mesma adega e “O Diviso 2020” de Telmo Rodríguez acadaron os 97.

Outras tres referencias valdeorresas foron calificadas de excelentes ao chegar aos 96 puntos: “Alma do vello tesouro 2021” de Viña Somoza, “As Caborcas 2020” de Telmo Rodríguez e “Sorte Antiga 2022” de Rafael Palacios.

Artigos relacionados

Back to top button