O xornalista e escritor Manuel Jabois, nado en Sanxenxo en 1978, será o encargado de encetar oficialmente a XXIV Feira do Viño de Valdeorras, un foro que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de xullo no recinto feiral que se instalará na praza de Viloira (O Barco).
El será o pregoeiro desta mostra, nun acto que está previsto para a mañá do sábado 8, inmediatamente antes do acto institucional de apertura da feira. “A súa talentosa prosa, plasmada en numerosas columnas e artigos de opinión e en máis de media ducia de obras, entre as que se inclúen varias novelas, e a súa aguda e escéptica mirada da actualidade foron dúas das razóns determinantes para a escolla de Manuel Jabois como pregoeiro desta edición da feira do viño”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez.
“Estamos expectantes por coñecer o que ten que dicir sobre o godello e sobre o resto de variedades da nosa denominación de orixe quen, sen dúbida, é un dos autores máis notables do panorama español actual”, engade o máximo responsable do organismo vitivinícola.
José Ramón Rodríguez quere animar a desfrutar do pregón a todos os habitantes de Valdeorras e tamén a aqueles que decidan achegarse ata o Barco, procedentes doutros puntos xeográficos, para degustar os brancos e tintos da comarca durante a fin de semana na que terá lugar a Feira do Viño.
Sobre Jabois
Manuel Jabois gañou en 2003 o Premio Nacional de Xornalismo Xulio Camba. Durante a súa carreira, escribiu para diferentes cabeceiras galegas e estatais e na actualidade colabora habitualmente con varios dos medios do Grupo Prisa. Amais disto, conta con sete obras publicadas por diferentes editoriais entre as que se atopan as novelas Malaherba ou Miss Marte.