CD RúaDeportesFútbolÚltima hora

O xove ucraíno Roman Kolomiiets debuta co equipo sénior do CD Rúa

Trátase dun dos mozos que chegaban a Valdeorras a mediados de marzo e que xa xogaba ao fútbol no seu país

 

Cando a familia de refuxiados ucraínos chegou á Rúa a mediados de marzo, a coincidencia das cores da bandeira de Ucraína (amarelo e azul) e o feito de que un dos mozos xogara ao fútbol no seu país, levou a moitos dos integrantes do CD Rúa, o club de fútbol local, a brindarlles unha calurosa benvida na estación de tren e entre aplausos e vítores entregábanlle camisetas aos tres nenos que dende entón viven na Rúa.

Nese momento, Roman Kolomiiets, o maior dos nenos con apenas 17 anos, aseguraba aos directivos do club rues que o único que metera na súa mochila foran as súas botas de fútbol, mostra da paixón que este deporte esperta nel e que agora, lonxe da súa casa, pode seguir practicando.

Malia ser xuvenil e xogar con este equipo habitualmente, as cualidades e calidade do xogador levaban ao adestrador do equipo sénior rues a contar con el para o seu equipo. “Ao ter a ficha activa na federación ucraína, tivemos que esperar a que a Real Federación Española fixese o cambio que lle permitise xogar aquí”, explica Javier Ferrer, sendo no partido de Copa ante o Pabellón Ourense disputado o Xoves Santo, cando debutaba co primeiro equipo do CD Rúa, repetindo hai tres días ante o Vilar de Barrio. “Nótase que xogaba ao fútbol e ten calidade. É un xogador que dá nivel ao equipo e que aporta, polo que seguramente estará convocado para o vindeiro partido, de novo en casa, ante o Rocas”, adianta Ferrer.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button