
Maceda acolle este domingo, día 27 de novembro, o XV Ciclocross Castelo de Maceda Copa Deputación, unha competición que contará coa participación de 270 corredores entre as diferentes categorías.
A sala de prensa da Deputación acolleu esta mañá a presentación desta proba, na que estiveron o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o alcalde de Maceda, Rubén Quintas; a vicepresidenta do Clube Ciclista Maceda, Elena González; o director técnico do Clube Ciclista Maceda e organizador da proba, Xulio Conde; e o presidente de honra do Clube Ciclista Maceda, Francisco Nóvoa.
Entre os 270 inscritos para esta cita, tamén puntuable para a Copa Galicia de Ciclocrós, destaca a presenza de corredores como Iván Feijóo, Saúl López, Brais Sendín, Sarela Conde e Iris Fernández.
O XV Ciclocros Castelo de Maceda comezará ás 10 horas nun circuíto de 2.600 metros deseñado e montado nos arredores do castelo, tendo como punto de saída e de meta o IES San Mamede. Ademais, unha das novidades desta edición é a disputa dunha proba de inclusión, onde participarán rapaces e rapazas con diversidade funcional.