OurenseÚltima hora

O XX Torneo de Nadal reunirá máis de 600 ximnastas no Pavillón dos Remedios

 

Os clubs Ximnasia Pavillón e Ximnasia Escola Pavillón, organizan o XX Torneo de Nadal de Ximnasia – Memorial Marosa Salgado Madriñán, que reunirá máis de 600 deportistas de clubs de toda Galicia, en dúas xornadas. A primeira cita será este sábado, 28 de novembro, dedicada á rítmica, á estética de grupo e á ximnasia xeral, e a segunda, o 19 de decembro, dedicada á ximnasia de trampolín. A Praza Maior foi o escenario da presentación do campionato, que está organizado coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e diferentes empresas.

A xornada do sábado 28, de 11 a 13:30 horas, na pista central do Pavillón, combinará a competición de conxuntos de nivel absoluto coas exhibicións dos equipos dos clubs Pavillón e Escola Pavillón, da Escola Deportiva de Barbadás, da Escola Ximnasia Burgas e doutros clubs e escolas de Galicia.

A parte competitiva estará centrada nos conxuntos absolutos que preparan o Campionato de España de Conxuntos, que se celebrará en decembro en Valladolid. Participarán conxuntos de alto nivel das categorías infantil, júnior, sénior e primeira categoría.

As exhibicións terán como fío condutor a temática Festas do Mundo, con exercicios preparados por ximnastas, adestradores e adestradoras para trasladar ao tapiz este ambiente festivo. Ao remate lembrarase o 30 aniversario da primeira participación dun conxunto de rítmica do Pavillón nun Campionato de España, en decembro de 1996. Pola súa banda, a xornada de trampolín do 19 de decembro celebrarase no anexo do Pavillón dos Remedios.

Solidariedade con Amencer e Bicos de Papel

Unha vez máis, o torneo incluirá a recollida de alimentos para colaborar coa Asociación Xuvenil Amencer neste Nadal, co obxectivo de superar a participación de edicións anteriores. Tamén se suma ao compromiso dos clubs de dedicar os seus eventos a entidades sen ánimo de lucro que desenvolven un labor social na nosa contorna. Nesta edición colaborará con Bicos de Papel, asociación que apoia os nenos e nenas con cancro e as súas familias, tamén as de Ourense que deben desprazarse a Vigo para recibir tratamento.

Bicos de Papel contará cun stand nas instalacións durante as dúas xornadas para dar a coñecer o seu labor e explicar como colaborar. Entre os seus recursos dispón dunha vivenda de acollida próxima ao Hospital Álvaro Cunqueiro, que ofrece aloxamento gratuíto ás familias desprazadas.

Na xornada de rítmica participarán: Club Viravolta de Santiago de Compostela; Club María Barbeito da Coruña; Club Maniotas de Vigo; Club Ximnasia Porriño do Porriño; Club Agarimo de Marín; Escola Deportiva de Barbadás; Club Deportivo Madre Trinidad de Miraflores; Escola Ximnasia Burgas de Ourense; Club Ximnasia Pavillón de Ourense; e Club Ximnasia Escola Pavillón.

Back to top button