ConcellosÚltima horaVilamartín

Obradoiro de teatro encontro sobre Florencio Delgado Gurriarán, os sábados de xullo en Vilamartín

As Letras de Florencio e o Concello organizan esta actividade dirixida a rapazada e coordinada pola dramaturga Amparo R. de Dios, que rematará cunha representación en Córgomo o 31 de xullo

Anxo Baranga (Furafollas) no teatro encontro sobre Florencio en Barcelona. /Foto cedida.

 

Cargado de eventos en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán e tamén aos Encontros de Teatro que a principios do século XXI serviron para revindicar a súa figura entre a veciñanza valdeorresa, se presenta o verán no concello de Vilamartín de Valdeorras. Un deles, organizado polas Letras de Florencio en colaboración co Concello, é un obradoiro de teatro encontro coordinado pola dramaturga Amparo R. de Dios.

Madrileña afincada en Valdeorras, de Dios ten moita experiencia na celebración deste tipo de obradoiros nos que se incentiva a democratización das artes escénicas e que as creacións sexan froito do traballo colectivo do equipo actoral e mais do público, ao que se convida a interaccionar durante a representación. Para a directora, especialista tamén en terapia ocupacional, a vida e obra de Florencio son moi acaídas para este tipo de traballo teatral xa que “era unha persoa moi accesible pero ao mesmo tempo moi profunda, e a musicalidade dos seus poemas convida ao recitado e á oralidade”, di.

 

Amparo R. de Dios coordinará o obradoiro.

 

Amparo R. de Dios xa realizou un obradoiro destas características co activista cultural corgomés Anxo Baranga e grupo teatral Furafollas, en Barcelona e nesta ocasión o obradoiro está destinado ao público infantil e xuvenil, de entre 10 e 18 anos, cun máximo de vinte participantes, os cales traballarán durante as mañás dos sábados de xullo para chegar ás festas da Santa Marta de Córgomo cunha ou varias pezas listas para ser presentadas á veciñanza.

En total serán catro sábados de creación e ensaio (2, 9, 16 e 23 de xullo en horario de 11 a 13:30 horas no Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín), e a representación final será polas rúas de Córgomo o 31 de xullo ás 20 horas.

A inscrición, gratuíta e para un máximo de 20 cativos, debe formalizarse no Concello de Vilamartín.

 

Artigos relacionados

Back to top button