A Xunta de Galicia investirá 33.000 euros en diversas obras de mellora da escola infantil do Pereiro de Aguiar, pertencente á rede pública autonómica. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou hoxe esta actuación nunha visita que fixo ao centro na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e do alcalde do municipio, Luis Menor.
O Concello ocuparase da execución dos traballos, que serán financiados polo Consorcio coa compensación das liquidacións que corresponden por este servizo público. Prevese que as obras se desenvolvan durante o período estival de vacacións no centro para que non afecten ao seu normal funcionamento.
A intervención consistirá, fundamentalmente, no pintado das fachadas exteriores; na mellora de pavimentos e na substitución da varanda na zona da entrada do centro; así como na revisión e reparación dos selados da cuberta. As obras tamén mellorarán a zona do patio, xa que se cambiarán as lousas actuais por caucho continuo novo; substituiranse os mobles cambiadores e dotarase ao inmoble dun novo baño.
Perfecto Rodríguez explicou que o obxectivo deste investimento é “garantir ás familias que os seus pequenos reciben uns coidados e unha atención educativa de calidade nas mellores instalacións”. Neste sentido, apuntou que a intervención proposta para a escola axústase ás necesidades comunicadas polo Concello á Administración autonómica.
Así mesmo, o xerente do Consorcio destacou o incremento de solicitudes de praza recibidas nesta escola infantil e que suporá, no caso de que se formalicen finalmente todas as peticións recibidas, a apertura dunha nova unidade, a cuarta.
De feito, en función das solicitudes rexistradas, o centro iniciaría o curso en setembro con 45 prazas ocupadas, 15 máis que no actual.