As Festas de Ourense 2017, que se celebran do 24 de xuño ao 2 de xullo, xa teñen confeccionado todo o seu programa musical. A “semana grande” da cidade ten un cartel de concertos moi ambicioso e os escenarios elixidos son, como anos anteriores, son os Xardíns do Posío, a Praza Maior, a Praza de San Martiño e a Praza de Ferro.
En total están confirmados 21 actuacións en 9 días. Aos xa anunciados de Iván Ferreiro, o 24 de xuño, o de Sweet California, o 30 de xuño, o de “La edad de Oro del Pop español”, o 26 de xuño, e o de “Burning” o 28, súmase unha oferta “que trata de conxugar diferentes estilos e artistas para que todos os gustos teñan os seus espazos”, dixo o Alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación de hoxe, 31 de maio. Música electrónica, rock , pop, entre outros estilos. Os concertos serán totalmente gratuítos a excepción do de Sweet California, que terá un custo de 5 euros en venta anticipada e 7 no despacho de billetes. “Un prezo moi asequible tendo en conta que este grupo actúa noutros festivais e o prezo multiplícase por cinco ou por seis”, salientou Vázquez.
Todos os concertos da Praza Maior comezarán ás 20:30 horas. Tanto a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, como o alcalde, Jesús Vázquez, lembraron que esta praza ten aforo limitado “para garantir a seguridade de todos xa que o que queremos é pasalo ben”. O máis salientable dos concertos nesta praza son o de música electrónica do afamado DJ Carlos Jean, que será o venres 30 de xuño, así como el de “Los diablos”, o martes 27 de xuño.
Na praza de San Martiño tamén haberá música a esgalla, neste caso a partir das 20:00 horas. O 25 de xuño será a Coral de Ruada de abrir a quenda, xunto a outras corais, entre as que está “Abertal” da Rúa. Logo estarán “Cinta adhesiva”, o “Concerto Versións”, da man de Tonichi e Pacheco; o “Concerto Voces”, con Xestreu; pop e rock con The Shivas; flamenco con Diego Pacheco “Mestreño”; o concerto “Versións” con De Vacas e pecharase co Concerto Infantil de Pitusa Semifusa e os estilos musicais. Todo isto respectivamente entre o 24 e o 2 de xuño.
Finalmente, na Praza do Ferro, a música soará a partir das 21:00 horas. Os concertos arrancarán con pop rock da man de Biffannah (Uk, Barcelona e Galicia), seguirán co rock, ao día seguinte, de The Shivas (Portugal e Oregón); o día 30 de xuño Prado porá o toque pop rock e seguiranlle o 1 de xullo The Wallas.
Polo momento esta é a programación do apartado musical das Festas de Ourense 2017, “nos vindeiros días iremos comunicando as actividades doutros apartados”, anunciou Vázquez.
Texto: Carlos Asensio.