Unhas 350 persoas, das catro provincias galegas, teñen realizado xa a súa inscrición na 17ª Andaina de Outono do Club Peña Trevinca Barco, prevista para o vindeiro domingo 12 de novembro. “Virán andaríns de das catro provincias galegas”, destacaba este mediodía na presentación desta proba o presidente desta entidade, Miguel de la Cal, acompañado por outros membros da mesma, así como polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.
Esta andaina, resaltaba de la Cal, é unha proba oficial da Federación Galega de Montañismo e está integrada na Liga Ibérica (España, Portugal e Andorra) de sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada e é a derradeira cita da I Liga Xunta de Galicia de Sendeirismo. “Ademais a federación propúxonos celebrar aquí no Barco o Día do Senderista, así que teremos un 4 por 1 ese día no Barco”, resaltaba de la Cal.
Dous serán os percorridos desta edición, que ademais de pasar pola zona do Barco tamén se adentra por vez primeira nesta edición en Vilamartín. Haberá un percorrido longo de 25 km e outro curto de 15 km. En ambos casos a saída está prevista para as 9h. se ben, debido ás condicións que presenta o río Sil polas crecidas dos últimos días, o punto de partida no será o Paseo do Malecón, senón a praza Maior do Barco. Encabezando a saída estarán os participantes do percorrido longo que xirarán á esquerda para ir cara Viloira, mentres que os da curta irán pola pasarela verde.
No percorrido estableceranse tres avituallamentos e tamén ten controis de tempo, xa que hai que lembrar que estas andainas son probas de regularidade, é dicir, non gana o primeiro en completar o traxecto, senón o que manteña unha maior regularidade. “O tempo non pode ser menor de 4 horas nin superior a 6 horas. Calcúlase a velocidade media do percorrido e a maior desviación penaliza”, matizaba de la Cal, que agradecía a colaboración do Concello.
Esta proba será organizada polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración do Concello do Barco, e contará tamén co apoio da Cruz Vermella, Policía Local, Protección Civil, así como de numerosos voluntarios do club.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, destacaba o interese desta andaina, con novidades nesta edición como é o feito de formar parte da Liga galega de Sendeirismo.
Fotos: A.R.