Un total de 435.600 euros investiranse en adquirir oito novas torres de anestesia destinadas aos bloques cirúrxicos dos tres hospitais públicos da provincia, en Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín, no marco dunha iniciativa para renovar este equipamento e poñelo a disposición dos Servizos de Anestesia e Reanimación das sete áreas sanitarias, segundo vén de informar o Sergas.
Segundo se recolle na documentación técnica, os novos equipos incorporarán os últimos avances, ente eles o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde, pois permiten unha mellora na temperatura corporal.
Este novo investimento en equipamento para os centros sanitarios públicos enmárcase no eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, e alcanza un orzamento global de 5.336.100 euros para compra de 98 destes equipos, 6 destinados a Hospital Universitario de Ourense e un para os hospitais de Verín e Valdeorras.
Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria que non só mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, senón que contribúa á redución de emisións de gran impacto ambiental.
Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.