PolíticaÚltima hora

“Onde o agro aínda está vivo, é máis difícil que o lume prenda e avance”

A eurodeputada Lidia Senra abría o 1 de outubro en Ourense a xornada “Os incendios forestais na U.E. O negocio do lume”, promovida dende AGE e con relatores de diferentes países
Lidia Senra, no centro, na mesa redonda coa que se abría a xornada no Auditorio de Ourense.
Lidia Senra, no centro, na mesa redonda coa que se abría a xornada no Auditorio de Ourense.

Dende unha óptica internacional analizábase a problemática do lume en Galicia na xornada “Os incendios forestais na U.E. O negocio do lume”, que desenvolvía o 1 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense. No seu decurso amosábase a necesidade de que dende as Administracións públicas se desenvolva unha “política consensuada de país, que mude o actual modelo forestal e de prevención e extinción de incendios e de desertización do rural para poder facerlle fronte a unha realidade que nos leva a que no que vai de 2016 arderon na Galiza 17.676 hectáreas de monte, producíndose novamente a desgraza de todos os anos”, tal e como se sinalaba dende a organización en mans do Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe). E resaltábase a importancia de aplicar “políticas que promovan a vida no medio rural e a instalación de xente na agricultura e na gandeiría en todo o territorio como forma de loita contra o lume”.

A xornada estaba estruturada en varias mesas redondas e contaba coa presenza de relatores galegos, como a eurodeputada de AGE Lidia Senra ou o bombeiro forestal e ex alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez; pero tamén de expertos de Grecia, Portugal ou Brasil. “As causas do lume. Unha visión dende a perspectiva europea e internacional” era a temática abordada na mesa redonda coa que se abría o programa ás 11h. e que moderaba a eurodeputada de AGE, Lidia Senra. Nela interviñan a brasileira membro do MST Bárbara Loureiro Borges, o grego de Alianza Popular Kostas Siampanopoulos, o portugués membro da CNA Alfredo Campos, e o traballador forestal da Consellería de Medio Rural da Xunta Xosé Santos Otero.

Senra criticaba que nin dende as administracións, nin desde nos medios de comunicación se traslada á sociedade o debate sobre cales son as causas que hai detrás do lume. “Hai anos falábase do porqué, de quen se beneficiaba dos incendios forestais, e falábase de especulación urbanística, do prezo da madeira, etc., porque alguén se acababa lucrando dos terreos queimados. Agora, eu teño a impresión de que toda explicación se reduce a que hai un problema de piromanía xeralizada no mundo e iso non é certo. Ou poñemos sobre a mesa as causas reais ou non lograremos nunca acabar coa lacra dos incendios forestais”, aseguraba a europarlamentaria.

Ademais aludía á “situación de abandono e as políticas agrarias que baleiran o medio rural. Naqueles lugares onde a agricultura aínda está viva e hai homes e mulleres producindo alimentos, aínda que o lume prenda é máis difícil que avance”. E fixo fincapé na importancia de avaliar a concepción dos actuais servizos de extinción e de apostar por un modelo público que non precarice ás traballadores.

Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda e deputado electo de En Marea, era un dos ponentes da mesa redonda sobre o modelo forestal.
Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda e deputado electo de En Marea, era un dos ponentes da mesa redonda sobre o modelo forestal.

Durante a tarde tiña lugar unha segunda mesa redonda co título “O modelo forestal. Como combater os lumes dende a xestión dos montes”, moderada por María Conde de Anova Ourense. Nela tomaban a palabra Davide Rodríguez, bombeiro forestal, ex alcalde de Manzaneda e deputado electo por En Marea; Diego Sánchez, coordinador da área de montes do Sindicato Labrego Galego; e David Fernández Calviño, enxeñeiro de montes. Davide Rodríguez sinalaba que a Lei de Montes se fixo “sen contar cos comuneiros nin coa xente que habita as zonas rurais” e que “se houbera un sistema 100% público se lle daría resposta a moitos problemas dos incendios”. Ademais apostaba por volver a “un sistema agrario sostible, por poñer en valor a terra e os produtos autóctonos e por frear a despoboación rural. O 80% do orzamento da Xunta en materia de incendios ten que estar adicado á prevención, e sen embargo este ano, antes do verán, non chegaba nin o 15%, é dicir, que se está traballando case só na extinción, xusto ao contrario do que debería ser”.

O tamén ourensán David Fernández Calviño, enxeñeiro de Montes e doutor pola Universidade de Vigo, indicaba que a Administración pública ten que velar por que todas as actividades que se desenvolvan no monte sexan sustentables e tamén asesorar para que os propietarios dos montes tomen as decisións máis axeitadas en cada sentido.

Esta xornada internacional concluía cunha última mesa redonda en torno ao tema “Historia dunha profesión. O papel dos bombeiros forestais na U.E.”, na que tomaban parte Luís Chaín Galán, representante sindical da CGT en Toledo; Clara Isabel Martínez Jimeno, bombeira; e o bombeiro “San”, e o deputado de En Marea no Parlamento Galego, Antón Sánchez.

Artigos relacionados

Back to top button