A TeixeiraConcellosParada de SilÚltima hora

Os 15 concellos das reservas da biosfera da provincia, optan a axudas de ata 80.000 euros para poñer en valor estes espazos

Medio Ambiente aprobou no ano 2019 un Plan de acción estratéxico para a comarca da Ribeira Sacra no que se encadran, entre outros fitos, a declaración en setembro de 2021 da reserva de biosfera

Visita da conselleira de Medio Ambiente á Peroxa.

 

Un total de 15 concellos ourensáns poden optar a axudas de ata 80.000 euros para financiar proxectos, actuacións e iniciativas que teñan como obxectivo principal a mellora e posta en valor das tres reservas de biosfera que hai nesta provincia: Área de Allariz; Transfronteiriza Gêres-Xurés; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Así o anunciou no castelo da Peroxa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen mantivo unha reunión cos alcaldes e representantes municipais dos concellos ourensáns que forman parte da reserva da Ribeira Sacra. En concreto, asistiron o rexedor da Peroxa, Manuel Seoane, a de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, o da Teixeira, Miguel Antonio Cid, e en nome de Nogueira de Ramuín, o concelleiro Julio Carlos Pemes, mentres que no caso de Parada de Sil o alcalde non puido acudir.

Tras indicar que hoxe mesmo se convocou a orde de axudas dirixida a financiar actuacións de concellos e entidades nas sete reservas da biosfera de Galicia, a conselleira explicou que poderán solicitalas un total 86 municipios incluídos nalgún destes espazos e, como novidade deste ano, tamén diferentes tipos de entidades, como comunidades de montes veciñais, asociacións de custodia do territorio e organizacións ambientalistas vencelladas a estes espazos.

 

 

Cun orzamento global de 3,22 millóns de euros para o período 2022-2023, entre as actuacións subvencionables poderán incluírse accións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais; de fomento do desenvolvemento sustentable; e de apoio ao turismo verde e mellora do patrimonio cultural e paisaxístico.

No caso de que o beneficiario sexa unha entidade local, o importe da axuda oscilará entre un mínimo de 40.000 euros e un máximo de 80.000 euros, mentres que para o resto de solicitantes a contía irá de 10.000 a 25.000 euros. O prazo para a presentación de solicitudes, que se fará por vía telemática, pecharase o vindeiro 11 de marzo.

Tres dos sete espazos que contan na Comunidade con este recoñecemento internacional están en Ourense polo que, ademais das entidades, ONG e comunidades de montes que queiran solicitar estas axudas, tamén serán potenciais beneficiarios os 15 concellos incluídos nestas reservas: A Bola, Allariz, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, pertencentes á Área de Allariz; Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, localizados na do Gêres-Xurés; e Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira, dentro da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

 

 

Axudas para a ARI Ribeira Sacra

Por último, a conselleira lembrou que o seu departamento aprobou no ano 2019 un Plan de acción estratéxico para a comarca da Ribeira Sacra no que se encadran, entre outros fitos, a declaración en setembro de 2021 da reserva de biosfera ou a aprobación da Área de rehabilitación integral supramunicipal en febreiro de 2020, unha figura xestionada pola Xunta e coa que se aspira a rehabilitar unhas 2.000 construcións na vindeira década.

Así, lembrou que na anterior convocatoria de axudas para intervir nesta ARI presentáronse en total 67 solicitudes e que o prazo para acollerse á orde deste ano permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button