
A Xunta de Galicia abre a inscrición dalgunhas das actividades que conforman a campaña de verán, que este ano se pon en marcha baixo o lema “O verán que mereces”. Así, dende hoxe pódese solicitar praza nun dos 40 campos de voluntariado e, ademais, o DOG publica a convocatoria dos campamentos de verán para mozos de entre 9 e 17 anos, que poderán solicitar praza a partir de mañá, venres 21 de maio.
O programa de actividades, que se desenvolverá nos meses de xullo, agosto e setembro, porá á disposición da xuventude galega un total de 7.820 prazas, mil máis que o ano pasado, mantendo as bases do protocolo específico fixado o ano pasado para os campamentos de verán. Deste xeito, continuarase a implantar medidas como a redución do aforo, a incorporación gradual das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.
Na provincia de Ourense haberá nove recintos habilitados para o desenrolo dos campamentos xuvenís para 879 menores. Son o albergue Penedos de Xacinto (Entrimo), a Estación de Montaña Manzaneda, o albergue Equal (Coles), Complexo O Corgo (Muíños), Albergue Xuvenil de Vilariño de Conso, o Albergue de San Xoán de Río, e a Residencia de Tempo Libre de O Carballiño. Ademais como novidades, este ano incorpóranse dúas novas instalacións: o Albergue de Bande- Reserva da Biosfera Gerês-Xurés e o Albergue A Fábrica da Luz (Parada de Sil). Haberá ademais unha convocatoria específica para as persoas con capacidades diversas de entre 11 a 45 anos con 45 prazas na Residencia de Tempo Libre de O Carballiño.
O prazo de solicitude será de sete días hábiles no caso dos campamentos a partir de hoxe xoves. As familias numerosas e monoparentais terán un desconto do 50%, e as persoas usuarias do Carné Xove gozarán dunha rebaixa do 25%. As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía telemática a través da Sede Electrónica. Na páxina de Xuventude hai dispoñible máis información ao respecto.
Campos de voluntariado

Para os campos de voluntariado celebrados en Galicia, o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada campo. Para os campos de voluntariado noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias, a primeira delas remata o día 21 de maio ás 14 horas. A segunda convocatoria abrirase o 1 de xuño e permanecerá aberta ata cinco días antes do inicio do campo.
Na provincia de Ourense haberá sete campos de traballo cun total de 85 prazas: en Larouco, O Pereiro de Aguiar, Celanova, Muíños, Esgos, Monterrei e Vilariño de Conso.
A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante debe escoller, por orde de prioridade, un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.
A convocatoria dos campamentos pode consultarse aquí: DOG