
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, vistitou hoxe a comarca de Verín na que desenvolveu unha axenda de traballo centrada en temas medioambientais, de internacionalización, infraestruturas e servizos sociais. O presidente do goberno provincial mantivo un encontro cos alcaldes dos municipios que integran a Mancomunidade de Concellos de Verín. Nesa xuntanza, analizaron aspectos de promoción turística e colaboración co norte de Portugal, que está levando a cabo a eurocidade Chaves-Verín, e tamén estudou cos rexedores diversas obras e proxectos de mellora das vías provinciais e locais, ademais de avaliar as necesidades en materia de servizos sociais para maiores e infancia que teñen os cencellos desta zona.
Baltar destacou a importancia “de seguir fortalecendo a eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, na que a provincia de Ourense é o centro xeográfico, pois coa labor que realiza a eurocidade Chaves-Verín podemos levar a cabo estratexias locais pensadas en clave de colaboración internacional para que poidan ser aplicadas nos ámbitos provincial e rexional”. A Deputación pertence a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Eurocidade Chaves-Verín, o que favorece a cooperación transfronteiriza nos ámbitos da cultura, turismo, patrimonio, saúde, protección civil, aproveitamento do territorio e medio ambiente.
Nesta reunión estiveron presentes os alcaldes de Castrelo de Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín e Vilardevós e se deron cita no castelo de Monterrei onde o presidente provincial fixo un percorrido pola fortaleza para coñecer os traballos medioambientais que se están a levar a cabo na zona, referidos á limpeza de vías, rozas e recollida de residuos; visitou tamén as obras do albergue – antigo hospital de peregrinos- e comprobou o estado de execución do proxecto arqueolóxico do “Muro de Medeiros”, realizado pola Universidade de Vigo co apoio de Bodegas Martín Códax.