A RúaConcellosÚltima hora

Os alfombristas da parroquia de Santo Estevo, na Rúa, participarán no proxecto mundial ‘Flowers of Peace’

Farán a súa propia alfombra artística a favor da paz o vindeiro 10 de abril, Domingo de Ramos, no adro

Alfombristas da parroquia de Santo Estevo diante da alfombra sobre o Xacobeo./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Cada ano, os alfombristas da parroquia de Santo Estevo, na Rúa,  deixan a sua impronta na celebración do Corpus con fermosas alfombras que decoran o adro e a praza César Conti ao paso da procesión. O ano pasado, ese mesmo grupo de artistas das alfombras florais participaba nun proxecto mundial impulsado pola Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, con motivo do día do Apóstolo (25 de xullo) e neste 2022 participarán noutra iniciativa internacional, desta volta para promover a paz.

Trátase de Flowers of Peace, iniciativa italiana promovida pola Asociación Nacional das Infiorate Artísticas, Infioritalia, en colaboración coa Asociación Nacional Ciudad de la Infiorata, para promover a paz no mundo, “especialmente despois dos acontecementos que conmocionaron a Europa desde o pasado 24 de febreiro coa invasión rusa a Ucraína”, puntualizan dende a asociación.

O proxecto nace dunha idea de Eduardo Carbone, experto mundial en alfombrismo, e consiste na elaboración dun tapiz para o Domingo de Ramos (10 de abril). O boceto, común a todos os colectivos que se unan a iniciativa, é simple pero impactante co símbolo da paz e unhas dimensións mínimas de 1m x 1m que poderá ser personalizado insertando externamente o nome do pobo que o realizou. Os países terán plena liberdade para utilizar flores, elementos vexetais, serrado, arroz ou outros materiais como sal.

A sal tinguida é precisamente o material principal utilizado polos alfombristas de Santo Estevo da Rúa, que farán a súa propia alfombra no adro, onde serán bendecidos os ramos.

Boceto da alfombra artística mundial.

Artigos relacionados

Back to top button