A Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de acoller este venres a entrega dos premios da final galega do VII Rally Científico Matemático, que organiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, xunto a Consellería de Cultura e Turismo.
Os gañadores desta final galega resultaron se, en primeiro da ESO, o CPR Abrente de Portonovo (Pontevedra); en segundo da ESO, o IES Rosalía de Castro de Santiago, e en terceiro o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. En cuarto da ESO había dúas modalidades, a de matemáticas (común ao resto dos niveis) e a de ciencias. Na de matemáticas, o vencedor foi o CPR Sagrado Corazón de Placeres de Pontevedra. Na modalidade de ciencias impúxose o Colexio As Acacias de Vigo.
Estes cinco equipos ganadores asistirán en maio á final internacional de Toulouse, cuxo Rallye mathématique sans frontières ten máis de 25 anos de traxectoria e onde os estudantes galegos adoitan obter excelentes resultados.
Neste acto participaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como Pedro Rodríguez Dafonte, vicedecano da Facultade de Química; Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, e Inés Ben González, secretaria da mesma institución.
O Rally Científico Matemático organizado por Igaciencia é unha das probas científicas para alumnado da ESO de maior participación en Galicia. Na súa sétima edición interviñeron 1016 alumnos adestrados e apoiados por 200 docentes, dos que só 120, pertencentes a 15 centros educativos e acompañados de 30 profesores e profesoras, chegaron á final galega celebrada hoxe.