CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Os alumnos do CEIP Condesa de Fenosa visitan a oficina de Correos do Barco

 

Coñecer de primeira man o funcionamento de Correos así como o sistema de envío e recepción de cartas, é o obxecto da visita que cada ano realizan alumnos do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa á oficina do Barco de Valdeorras. Nesta galería de imaxes podemos ver aos alumnos de 3º de Primaria que se achegaban ata o despacho situado no paseo do Malecón, na mañá do 23 de xaneiro. Cada un levaba a súa propia carta que lles era selada no interior da oficina e despois depositábana no buzón ubicado no exterior do propio edificio coa supervisión da directora.

 

Os cativos botando as cartas ao buzón de Correos no Barco.

 

Trátase dunha das actividades anuais que se levan a cabo neste centro escolar barquense, co fin de que os alumnos coñezan as diferentes empresas e espazos que existen no municipio. “Son actividades cíclicas distribuídas por cursos para que todos os nenos visiten todos os lugares”, explica o director do centro Paco Pérez. Os alumnos de 3 anos visitan o Centro de Saúdo e o Malecón; os de 4, a Casa da Cultura e unha clínica veterinaria; os de 5, a radio e a Praza de Abastos; os do primeiro ciclo (1º e 2º de Primaria), a biblioteca, o punto limpo, unha empresa de castañas e as estacións de autobuses e de tren; os do segundo ciclo (3º e 4º de Primaria), a depuradora, Correos, a cooperativa e o Concello; e os do terceiro ciclo (5º e 6º de Primaria), o Mosteiro de Xagoaza e a adega, un supermercado, unha empresa de lousa e os Xulgados.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button