ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Os amigos “saldoiros” de Mª Carmen Prieto (Confecciones Elena) danlle unha emotiva sorpresa

Acompañárona o día en que o seu comercio, ubicado no casco vello do Barco, pechaba as portas despois de máis de 60 anos

O 30 de maio de 2019 foi unha data especialmente dura e emotiva para Mª Carmen Prieto Delgado. Despois de máis de 60 anos aberta no mesmo local do casco vello do Barco de Valdeorras, Confecciones Elena pechaba as portas definitivamente.

A súa propietaria non se xubila ata xullo, pero rematado o mes de maio e con certo pesar na alma, decidía que era hora de baixar o pano. Ese día, o seu home Hipólito traballaba, polo que Mª Carmen agardaba pasar soa ese último día detrás do mostrador, entre teas e prendas de vestir, pero non foi así. Pouco ou nada se imaxinaba ela que os seus amigos “saldoiros” a ían acompañar, dándolle unha inesperada sorpresa con ramo de flores incluído.

 

Os amigos “saldoiros” de Mª Carmen no exterior da tenda, na rúa Real do Barco.

 

Amigos como Chelo ou Ricardo, entre outros moitos, que non querían que estivera soa ese día. E non é para menos xa que con Confecciones Elena péchase un importante episodio da historia do pequeno comercio no Barco. Unha historia que comezaba da man de Elena Delgado e Enrique Prieto (os pais de Mª Carmen), un matrimonio barquense que no ano 1957 decidía abrir un pequeno comercio téxtil na rúa Real, daquelas unha das principais do Barco de Valdeorras, cuxo letreiro rezaba Mercería La Charuca. “Durante o primeiro ano miña nai baixaba e subía a Alixo cada día, menos cando había moi mal tempo que botaba un colchón na trastenda e quedaba a durmir “, lembra emocionada a súa filla.

 

Chelo (dereita) entregándolle o ramo de flores a Mª Carmen.

 

Despois ampliaron, puxeron os escaparates e modernizaron o comercio con Elena sempre ao fronte ata que se xubilou en 1995. Un ano despois collía as rendas a propia Mª Carmen, aínda que súa nai seguía cosendo, axudando detrás da máquina “porque ela facía de todo, mesmo calzoncillos, xa que era modista e tamén vendía”, puntualiza a súa filla asegurando que “esta é a historia da miña nai, e eu estou emocionada e por un lado síntoo pero ela agora ten Alzheimer e non se dá conta do que está pasando e nese sentido estou contenta”, comenta, triste polo deterioro da súa nai pero satisfeita co que logrou na vida. “Fomos un local de referencia no casco vello do Barco, viña moita xente dos pobos a mercar á rúa Real, había comercios e bares,… vimos a evolución da vila e todo o mundo lembra á miña nai con cariño”. Os amigos da tendeira engaden que “é a tenda do Barco que máis anos leva no mesmo sitio e cos mesmos donos, algo que non é moi habitual” e digno de recoñecemento. Agora, despois de tantos anos traballando, toca descansar.

 

Mª Carmen Prieto cos seus amigos “saldoiros” no interior do comercio téxtil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos na edición en papel do mes de xuño do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button